Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación e MOEXMU avanzan na organización do único concurso de Gando da provincia

moexmu
darío campos
moexmu 0219
- A Mostra gandeira celebrarase os días 5, 6 e 7 de abril no recinto Manuel Vila de Muimenta, e contará na súa programación coa XXXIII Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e coa XXIII Poxa de Gando Selecto
- Campos Conde avanzou aos membros da comisión organizadora da XXXV Mostra Exposición de Muimenta que a colaboración da Deputación será de 8.000 euros

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo un encontro cos membros da comisión organizadora do MOEXMU, para avanzar na organización da feira gandeira. Durante os días 5, 6 e 7 de abril, o recinto Manuel Vila de Muimenta, acollerá a XXXV edición da Mostra Exposición de Muimenta–Moexmu, o XXXIII Concurso de Gando Frisón, a XXXIII Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e a XXIII Poxa de Gando Selecto.

Durante o encontro, no que participou o novo Presidente da comisión organizadora MOEXMU, Aníbal José Rodríguez, e o resto da comisión organizadora; Campos Conde, avanzou que este ano o Executivo Provincial achegará 8.000 euros para a celebración desta cita.

O Presidente destacou a importancia desta mostra que pon en valor o traballo de tantos gandeiros da  comarca e da provincia, pois o sector é un dos piares económicos e sociais do rural lugués, ademais de celebrar o único concurso de gando da provincia.

O domingo 7 volverá celebrarse, por segundo ano, o Concurso Monográfico de Can de Palleiro, no que os cans desta raza autóctona galega, inscritos no Libro de Orixes da Xunta de Galicia serán avaliados por xuíces expertos. O concurso servirá para sumar puntos no Campionato de Mellor Can de Palleiro en Galicia 2019.

MOEXMU naceu en Muimenta no ano 1985 co obxectivo de impulsar actuacións para promocionar o comercio, o tecido empresarial, a actividade gandeira e agrícola. Actualmente, xa se converteu nun referente do sector agrogandeiro do país, tanto pola presenza coma pola calidade das cabezas de gando participantes.