Deputación de Lugo

Empresarios de Chantada reimpulsan os seus negocios nunhas xornadas de mentoring, co apoio da Deputación

xornadas mentoring
Chantada
Pilar García Porto
Imaxe deputación de lugo
- García Porto mantivo un encontro cos membros da Asociación de Empresarios de Chantada que están a participar nestas xornadas de coaching empresarial, coas que colabora o Executivo da Deputación, cunha achega de 5.000 euros
- Comerciantes e emprendedores reciben sesións de mentoring grupal, unha metodoloxía que axuda a mellorar e a acelerar os resultados dos seus negocios. Nestas sesións abórdanse diferentes temáticas como: xestionar mellor o tempo e a toma de decisións, crear marca e dar más visibilidade a un negocio, ou vender máis e mellor

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, xunto aos directivos da Asociación de Empresarios de Chantada, Néstor Quiroga e Leticia Díaz, mantiveron un encontro na localidade chantadina con preto de 15 empresarios e autónomos que están a participar nas xornadas de coaching Reimpulsa Chantada, para potenciar os seus negocios.

Reimpulsa Chantada é unha iniciativa da Asociación de Empresarios de Chantada coa que colabora a Deputación, cunha achega de 5.000 euros, a través da cal comerciantes e emprendedores reciben sesións de mentoring grupal, unha metodoloxía que axuda a mellorar os puntos clave dos negocios e a acelerar os resultados a medio e longo prazo.

Neste programa, que comezou en 2018, empresarios e autónomos teñen a oportunidade de aprender a xestionar mellor as súas empresas acadando novas metas e compartindo a súa experiencia co grupo. Baixo a dirección do mentor Alejandro Ferreiro, abordan diferentes temáticas como: xestionar mellor o tempo e a toma de decisións, crear marca e dar más visibilidade a un negocio ou vender máis e mellor. Os participantes tamén aprenden a facer unha planificación anual por obxectivos, a levar un control real dos custes do negocio, a xestionar equipos de traballo e a crear unha rede de contactos.

Xornadas Reimpulse Chantada
As xornadas de coaching ‘Reimpulse Chantada’ realízanse no local da Asociación de Empresarios de Chantada ás 21:00 horas para facilitar a asistencia aos empresarios. A novidade destes grupos Reimpulse é que o mentor leva a cada reunión os temas que máis interesan ao grupo sendo ademais os empresarios, comerciantes e autónomos os que deciden e propoñen as problemáticas a tratar.

Na primeira parte da reunión móstranse e explícanse novos conceptos, técnicas e casos prácticos; na segunda parte vanse resolvendo as dúbidas de cada caso coa fin de que estes empresarios poidan implementalos nos seus propios negocios.

Coa posta en común e a resolución de dúbidas en grupo, que segue esta metodoloxía grupal ou de mastermind, conséguese que os resultados sexan mais relevantes xa que non só melloran os resultados individuais de cada un dos membros do grupo, senón que tamén se xera un beneficio colectivo cun alto impacto na súa zona ou sector de influencia.

Estas xornadas son impartidas por Alberto Ferreiro que é empresario, conferenciante, mentor e formador de autónomos e empresarios e conta con máis de 15 anos de experiencia no mundo dos negocios. Ferreiro é especialista na metodoloxía de mentoring grupal, que ten como finalidade que as persoas empresarias poidan dirixir realmente seus negocios con bos resultados económicos, ao mesmo tempo que desfrutan con total liberdade do seu tempo libre.