Deputación de Lugo
Medio ambiente

20 persoas achéganse ao método científico nun obradoiro gratuíto da Deputación no Centro de Interpretación do Rato

obradoiro
Centro de Interpretación Terras do Miño
Argelio Fernández Queipo
Imaxe deputación de lugo
- Fano a través da actividade Entroido de Ciencia e Medio Ambiente, enmarcada na programación do Executivo no Río Rato. Consistirá na realización de varios experimentos de campo e terá como obxectivo a concienciación medioambiental
- Fernández Queipo subliñou que “con este tipo de actividades de campo achegamos o mundo científico a todos os veciños lucenses dun xeito lúdico e atractivo. Ademais, será un traballo de responsabilidade e de compromiso con medio ambiente”
- Durante o curso, os participantes fabricarán disfraces con pezas recicladas, xerarán enerxía eléctrica e fabricarán neve artificial para simular un temporal

20 persoas participan dende hoxe e ata o 6 de marzo no obradoiro gratuíto II Entroido de Ciencia e Medio Ambiente, que ofrece o Goberno da Deputación, a través das actividades medioambientais do Río Rato. A actividade, que transcorre no Centro de Interpretación Terras do Miño, consiste na realización de distintos experimentos, co fin de introducir aos participantes no método científico de forma lúdica, e fomentar a concienciación medioambiental e a posta en práctica de hábitos da vida que axuden a coidar e a respectar a contorna.

O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, subliñou que “con este tipo de actividades de campo achegamos o mundo científico a todos os veciños lucenses dun xeito lúdico e atractivo. Ademais, será un traballo de responsabilidade e de compromiso con medio ambiente, xa que os participantes achegaranse a distintas disciplinas científicas como a Química, Física, Bioloxía, Botánica, Biodiversidade, Xeoloxía ou a Vulcanoloxía”.

Experimentos
Ao longo destes tres días, os participantes estudarán a botánica do Courel, a biodiversidade en Terras do Miño, os fenómenos e estrutura dos volcáns; os remuíños, enerxías e forzas da auga; e farán experimentos como o diablillo de Descartes, para descubrir os principios físicos da presión; traballarán na reflexión da luz do sol; na extracción de ADN de células vexetais e animais; na importancia do centro de gravidade, coa proba do garfo equilibrista; e ensaiarán o parafuso de Arquímedes.

Coidado do medio ambiente
Os participantes elaborarán disfraces para o entroido cunha impresora 3D, mediante o método das 3 R’s da ecoloxía (Reducir, Reutilizar, Reciclar), para coidar o medio ambiente, sobre todo para aprender como reducir o volume de residuos ou de lixo xerado.

Enerxía eléctrica
De forma paralela, durante os 3 días que dura este obradoiro, os participantes terán a oportunidade de xerar enerxía eléctrica cunha bicicleta, para que persoas que non teñen acceso á electricidade ou sofren cortes periódicos por temporais, poidan gozar dela dunha maneira sustentable. 

Así, un dos experimentos que realizarán será tentar almacenar a electricidade e alimentar aparellos que normalmente se enchufan á rede, mediante o subministro de corrente a un xerador co movemento da roda traseira da bicicleta, para acender unha lámpada ou cargar o teléfono.

Neve artificial
Os asistentes ao obradoiro fabricarán tamén neve para simular un temporal que provoca cortes na subministración eléctrica e problemas na rede viaria da montaña lucense. Para o experimento, disporán dun robot que programarán como máquina quita neves. Algunhas das pezas necesarias para o proxecto fabricaranas na aula coa axuda dunha impresora 3D.