Deputación de Lugo
Innovación e TIC

Campos Conde comprométese cos maiores da provincia a seguir cos cursos de novas tecnoloxías no Servizo de Audiovisuais

Servizo de Audiovisuais
novas tecnoloxías
Campos Conde comprométese cos maiores da provincia a seguir cos cursos de novas tecnoloxías no Servizo de Audiovisuais
Campos Conde e Méndez López participaron na Festa de Nadal coa que remata a encomenda da Deputación á TIC para xestionar o programa de fomento do uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos da provincia

O Presidente da Deputación anuncia que “durante o primeiro trimestre de 2019 retomaremos os cursos e potenciaremos a actividade para achegala aos 67 Concellos”

Desde 2013, o InLugo rexistrou arredor de 20.000 solicitudes e duplicou os cursos máis demandados e os obradoiros de memoria e estimulación cognitiva e funcional

O Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos Conde, anunciou este venres “o compromiso do Goberno cos maiores da provincia de continuar coa programación para o fomento do uso das novas tecnoloxías a través novo Servizo de Audiovisuais, que se porá en marcha o 1 de xaneiro coa disolución a Fundación TIC. Ademais, potenciaremos de forma sensible esta actividade para achegala aos 67 Concellos da provincia”.

Campos Conde, que estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, fixo este anuncio durante a Festa de Nadal coa que rematou a encomenda da Deputación á Fundación TIC para xestionar esta actividade. Os dous mandatarios compartiron a xornada cos usuarios do InLugo, na que puideron xogar aos bolos coa X-Box, cantar panxoliñas coa axuda de YouTube ou fotografase en diversas localizacións grazas ao croma. Ademais, levaron unha fotografía de recordo na que posaron todos xuntos co Presidente e a Alcaldesa.

En breve, no Servizo de Audiovisuais


O Presidente dixo que “a integración da TIC na Deputación implica un proceso administrativo complexo que vai supoñer un parón nesta actividade, aínda que agardamos retomala durante o primeiro trimestre de 2019, incluso incrementándoa. Tomamos esta decisión porque cremos firmemente na utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida de todos os veciños da provincia, e moi especialmente dos máis maiores. En pleno século XXI son tan importantes as comunicacións por estrada como a comunicación a través das novas tecnoloxías”.

20.000 solicitudes desde 2013


Desde a súa creación en 2013, os cursos e obradoiros para maiores rexistraron arredor de 20.000 solicitudes, “unha demanda que foi medrando considerablemente de ano en ano. Por poñer só un exemplo, no último trimestre de 2018 houbo máis solicitudes que en todo 2015”, apuntou o Presidente a Deputación. Nas enquisas de satisfacción que se fixeron desde a primeira tempada, a práctica totalidade dos usuarios amosou o seu desexo repetir os cursos. Para dar resposta a esta demanda completouse a programación con talleres de reforzo.

Ademais, e atendendo ás peticións dos maiores, desde 2016 duplicouse o número dos cursos máis solicitados, que son os relativos ao uso básico do móbil e tableta ou de iniciación á Internet, así como os obradoiros de memoria e de estimulación cognitiva e funcional.

Seis anos cos maiores da provincia


O InLugo naceu en 2013 dentro do programa InnovaTe, cofinanciado nun 80% con fondos europeos e nun 20 % cos da Deputación. Unha vez rematado en marzo de 2015, e ante o éxito da iniciativa e a alta demanda por parte dos usuarios, a institución provincial asumiu o Plan con fondos propios a través dunha encomenda pola que a actividade pasou a ser xestionada pola TIC ata este15 de decembro. Coa disolución da Fundación o 31 de decembro de 2018, a Deputación asumirá directamente esta actividade a través do novo Servizo de Audiovisuais.

 

Campos Conde comprométese cos maiores da provincia a seguir cos cursos de novas tecnoloxías no Servizo de Audiovisuais