Cultura
Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación colabora na dixitalización de fondos para o arquivo oral do Museo do Pobo Galego

cultura
Museo do Pobo Galego
Sinatura do convenio co Museo do Pobo Galego
O organismo provincial achegará unha axuda de 15.000 euros para gastos de desenvolvemento ordinario das actividades do museo en todos os seus servizos e para o estudo de material para o APOI

Santos Ramos subliñou que “colaboramos co Museo do Pobo Galego para facer posible o labor desta entidade e permite a celebración de ducias de iniciativas coma estas, encamiñadas a preservar e difundir a identidade común que temos como galegos”

O proceso de dixitalización e catalogación de todo o material poderá ser empregado e consultado en http://apoi.museodopobo.gal

O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González, asinaron un convenio de colaboración polo que o Executivo provincial colaborará con 15.000 euros para os gastos de desenvolvemento ordinario das actividades do museo en todos os seus servizos, así como para o proxecto de dixitalización e estudo de fondos para o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). Trátase do fondo documental e dixital do Museo do Pobo Galego sobre música tradicional galega, festas e celebracións populares, entrevistas e outros documentos audiovisuais, así como un gran número de datos etnoculturais, que ten como obxectivo promocionar e impulsar o patrimonio inmaterial e cultural galego, ao tempo que se poida empregar como un recurso didáctico.

Santos Ramos subliñou que “colaboramos co Museo do Pobo Galego para facer posible o labor desta entidade e permite a celebración de ducias de iniciativas coma estas, encamiñadas a preservar e difundir a identidade común que temos como galegos. Facémolo porque estamos convencidos da necesidade de que as administración públicas se impliquen no estudo e posta en valor dos recursos senlleiros do noso pobo”.

APOI
Todos os arquivos da base de datos do APOI son cedidos polos autores que asinan os seus traballos, sendo publicamente recoñecidos e respectando o seus dereitos. O proceso de dixitalización e catalogación de todo este material poderá ser empregado e consultado en http://apoi.museodopobo.gal.