Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación promove que o vindeiro partido do Breogán no Pazo se dedique a poñer en valor o traballo da Cruz Vermella

Breogán
Cruz Vermella
Breogán no Pazo se dedique a poñer en valor o traballo da Cruz Vermella
Durante o encontro que o CB Breogán disputará o domingo contra o Tecnyconta Zaragoza, difundiranse cuñas e spots para divulgar o labor da organización, que terá tamén á súa disposición as instalacións do edificio para instalar puntos de información

Ademais, ao longo da semana, o club celeste dedicará un espazo na súa web a promover entre os afeccionados os distintos programas nos que traballa Cruz Vermella

López Izquierdo subliñou que “queremos aproveitar esta cita deportiva para sensibilizar aos milleiros de afeccionados que seguirán o encontro e comprometelos no importante traballo humanitario que esta organización realiza na provincia”

Esta iniciativa enmárcase dentro do contrato de patrocinio que o CB Breogán e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, presentaron este mércores, xunto ao Presidente da Cruz Vermella en Lugo, Luís Abelleira Mayor e o Director Deportivo do CB Breogán, Enrique Fernández Fraga, unha nova campaña de concienciación social, enmarcada dentro do contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación.

López Izquierdo avanzou que “o partido do Breo deste domingo estará dedicado a recoñecer e promover a actividade da ONG Cruz Vermella. Queremos aproveitar esta cita deportiva como un medio de activación social, para sensibilizar aos milleiros de afeccionados que seguirán o encontro e comprometelos no importante labor humanitario que esta organización realiza na nosa provincia”.

A Deputada engadiu que “dende o Executivo Provincial contribuímos a promover o traballo de Cruz Vermella en Lugo, porque consideramos que a acción solidaria desta ONG é fundamental para ter unha sociedade máis xusta e inclusiva, e para protexer e axudar ás persoas máis vulnerables”.

Durante o encontro que o CB Breogán disputará o domingo, ás 16:00 horas, no Pazo dos Deportes contra o Tecnyconta Zaragoza, difundiranse cuñas e spots para divulgar a labor da organización, que terá tamén á súa disposición as instalacións do edificio para instalar puntos de información. Desde hoxe e ao longo de toda a semana, o club celeste dedicará un espazo na súa web oficial para promover entre os afeccionados os distintos programas nos que traballa Cruz Vermella.

Encontro en favor da integración


Dentro da campaña de concienciación social da Deputación e o CB Breogán, Cruz Vermella recibirá o día 19 a tres xogadores do equipo celeste de diferentes nacionalidades, que participarán nun curso para desempregados, co fin de desmontar os prexuízos e a discriminación contra os estranxeiros e demostrar que as diferenzas raciais non teñen cabida cando hai vontade de integración.

A ONG na provincia


Cruz Vermella conta na actualidade con 11.200 socios e 2.000 voluntarios na provincia. A organización ten sede en Monforte de Lemos, Burela, Lugo, Ribadeo, Sarria e Vilalba, así como cun Centro de dano cerebral en Castro Ribeiras de Lea, un Centro de Día para persoas con Alzheimer e outras demencias en Celeiro e unha Unidade asistencial de drogodependentes na capital lucense.

Algúns dos servizos que ofrece esta ONG na provincia son información, prevención e atención a persoas con VIH, a mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social e laboral, servizo de teleasistencia para maiores, cursos de formación para desempregados, actividades para nenos, atención e tratamento integral a toxicómanos e persoas con dependencias en drogas, terapias individual e grupais, así como atención psicolóxica e física.