Deputación de Lugo
Turismo

As filloas volverán ser as protagonistas este 1 de maio en Muimenta grazas ao apoio da Deputación de Lugo

Festa da Filloa
Muimenta
turismo
O Deputado Miguel Fernández participou este mércores pola tarde na presentación da trixésimo terceira edición da Festa da Filloa, “unha cita que pon en valor o mellor dos nosos produtos, da nosa gastronomía e das nosas tradicións”

“Este é o exemplo perfecto de como arredor do turismo se poden artellar iniciativas que contribúen ao desenvolvemento do noso rural”, subliñou

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este mércores pola tarde en Muimenta na presentación da XXXIII Festa da Filloa xunto ao xerente da Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, José Manuel Rus Rodríguez. Unha cita, á que a institución destina 3.000€, que volverá exaltar este produto típico o vindeiro mércores, 1 de maio, no recinto feiral Manuel Vila.  

“Esta é unhafesta con máis de tres décadas de historia que pon en valor o mellor dos nosos produtos, da nosa gastronomía e das nosas tradicións. A Deputación de Lugo apoia esta cita cada 1 de maio e o ano pasado distinguiuna co premio á excelencia turística”, destacou o Deputado. Respecto disto, Fernández destacou como a Festa da Filloa de Muimenta é o exemplo “perfecto de como arredor do turismo se poden artellar todo tipo de iniciativas que contribúen ao desenvolvemento do noso rural. Con auga, fariña, ovo, aceite e sal, as filloas de Muimenta falan dun saber transmitido durante xeracións. Unha cadea ligada durante anos ás mulleres, que aportaron un valor incalculable á nosa cultura e á nosa gastronomía”.

Así mesmo, o Deputado incidiu en que esta festa tamén dá boa conta de todo o “poder que ten o noso rural, onde se preserva o mellor do noso patrimonio, das nosas costumes e das nosas tradicións. O futuro do rural, estamos convencidos, pasa por ter servizos públicos de calidade e oportunidades laborais, e tamén por coidar e por poñer en valor o noso patrimonio”.

Nesta edición a pregoeira será a xornalista de Castro Ribeiras de Lea Tania Fernández Lombao.