Deputación de Lugo

O Festival Aturuxo de Bravos volverá renderse á música galega o 19 e 20 de xullo co apoio da Deputación

Ourol
Festival Aturuxo
O Presidente da institución provincial e o Alcalde de Ourol asinaron este venres un acordo para impulsar este festival que “fomenta e dinamiza a parroquia de Bravos a través da música, pero tamén para serve para promocionar o territorio”, asegurou José Tomé Roca

A cita, con entrada de balde, promove a música folk, rock e pop en galego e xa conta coa confirmación de artistas para esta nova edición como Loita Amada, Tecor Societário, Catuxa Salom e Ugía Pedreira

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres un acordo de colaboración co Alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, a través do que a institución provincial destina preto de 20.500€ para o Festival Aturuxo de Bravos, que se celebrará os días 19 e 20 de xullo. “Unha cita con entrada gratuíta creada para fomentar e dinamizar a parroquia de Bravos a través da música, pero tamén para promocionar o territorio”, afirmou José Tomé.

O mandatario provincial salientou que “dende a Deputación colaboramos con este festival, que se organiza coa asociación Aturuxeiros de Bravos, dende hai uns anos, incrementando a nosa achega acorde ao cartel e á programación organizada, que nesta edición xa se prevé que vai ser moi atractivo”. Nese sentido, avanzou que está confirmada a presenza de Loita Amada, Tecor Societário, Catuxa Salom e Ugía Pedreira, o que evidencia que é un “festival  que contribúe a difundir e a poñer en valor a nosa riqueza cultural, a música e tradicións e, ao mesmo tempo, dinamiza a vida social e a economía no noso rural, e atrae un turismo de calidade e sostible, o modelo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo porque coida o patrimonio e deixa valor no territorio”.

“A música que ameniza este festival é sempre en galego, música folk, rock, pop, e incluso xogando co humor, algo que nos parece moi a destacar, ao tempo que os veciños e veciñas de Bravos se involucran, algo que é fundamental para o éxito de iniciativas deste tipo”, afirmou José Tomé. 

Para o Presidente, a organización deste certame en Bravos “pon en evidencia o que defendemos dende a Deputación. O noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de propostas. O que necesita son políticas públicas para saír adiante”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para convidar aos veciños e veciñas da comarca e da provincia a achegarse a Ourol “para gozar deste festival único e gratuíto, e para coñecer a parroquia de Bravos, un lugar que conta con moita tradición e historia”.

O Festival Aturuxo defínese a si mesmo como un festival diferente para público familiar, inclusivo e próximo, onde a diversidade e a cultura galega son as protagonistas. O entorno rural no que se leva a cabo é o escenario perfecto para que as diferentes xeracións compartan as potencialidades de cada unha e que todos se fagan conscientes da importancia de coidar o patrimonio sociocultural e ambiental. 

Programa

O XII Festival Aturuxo celébrase en dúas xornadas: 19 de xullo pola tarde-noite e 20 de xullo durante toda a xornada. O venres celebrarase a tradicional cea de irmandade e posterior concerto de grupo a pé de rúa, para logo rematar cunha foliada popular. 

O sábado, a música soará dende o mediodía e pola tarde haberá xogos interxeracionais, obradoiros e actuacións cómicas ou teatrais, dirixidas a todos os públicos. 

Haberá dispoñible servizo gratuíto de autobús para facilitar os desprazamentos.