Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inviste 230.000€ na mellora de dúas estradas ao seu paso por Paradela, Baralla e Láncara

Rede provincial de estradas
A Xunta de Goberno acordou licitar unha obra para o arranxo de 3 quilómetros da LU-P-5709, que conecta en Paradela as parroquias de Santa María de Vilamaior e Castro de Rei Lemos, e outra na LU-P-0503, que une os concellos de Baralla e Láncara

A institución provincial tamén achegará 140.000€ para a mellora de dúas vías municipais en Negueira de Muñiz: a que conecta Carballín e Bustelo e a de bifurcación a Pelou

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres dúas novas obras por un importe conxunto que supera os 230.000€ para seguir mellorando a rede de estradas provinciais, neste caso, ao seu paso polos concellos de Paradela, Baralla e Láncara.

Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen concretou que  o Executivo acordou licitar unha obra por 105.000€ para mellorar un tramo de algo máis de 3 quilómetros na LU-P-5709, que é a estrada que conecta no concello de Paradela a parroquia de Santa María de Vilamaior coa de Castro de Rei Lemos. Explicou tamén que estes traballos -que afectan ao treito comprendido entre os puntos quilométricos 10,760 e o 13,875 e que terán un prazo de execución de 2 meses- consistirán na reapertura de cunetas, na reparación dos afundimentos e outros desperfectos da vía, na repavimentación e na reposición da sinalización vertical.

“Trátase dunha actuación importante porque esta estrada, situada entre os concellos de Sarria e Paradela, conecta a comarca sarriá coa da Ribeira Sacra e une dúas estradas autonómicas, a LU-633 e a LU-611”, valorou García Porto.

A Xunta de Goberno tamén acordou a licitación, por 130.000€, uns traballos para o arranxo de máis de 10 quilómetros da LU-P-0503, que é a estrada provincial que conecta Baralla e Láncara. Tal e como explicou a Voceira socialista, estas obras -que afectan á práctica totalidade da vía, dende o seu inicio ata o punto quilométrico 10,500 e terán un prazo de execución de 3 meses- consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de afundimentos e na repavimentación.

García Porto destacou que “esta estrada dá servizo directo ás parroquias de Aranza, Santa María de Pol e Vale; tamén a varias empresas madeireiras e une Baralla coa autonómica que conecta Sarria e Becerreá”.

Mellora de vías municipais en Negueira de Muñiz

Na Xunta de Goberno saíu  adiante un acordo de colaboración co Concello de Negueira de Muñiz polo que a Deputación aportará 140.000€ para a mellora de dúas vías municipais, unha que conecta os lugares de Carballín e Bustelo, e outra, que é a vía de bifurcación a Pelou. Unhas actuacións que, segundo explicou a Deputada, servirán para a mellora dun treito conxunto de máis de 3 quilómetros. En ambos casos, os traballos consistirán na limpeza de cunetas, a demolición parcial da plataforma, a reparación dos danos e a pavimentación con aglomerado en quente. “Unhas obras moi importantes para este concello, porque afectan ás principais estradas do municipio e á saída natural da veciñanza cara os concellos da Fonsagrada e Grandas de Salime”.

Dinamizar o tecido asociativo en Vilalba

A Deputación de Lugo achegará 50.000€ ao Concello de Vilalba para dinamizar o tecido asociativo da capital chairega. Unha parte de ese importe -36.000€- irá destinada ás asociacións de veciños da localidade que traballen pola convivencia, que organicen actividades de carácter cultural e que apoien a participación social. A cantidade restante -14.000€- servirá para financiar un programa de saúde integral que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores do municipio con todo tipo de actividades formativas e deportivas.

Festival Aturuxo de Bravos

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou que a institución provincial colaborará un ano máis co Festival Aturuxo de Bravos, aportando 20.000€ ao Concello de Ourol para o financiamento deste encontro musical, que contribúe a difundir e poñer en valor a  riqueza cultural, a música e as tradicións da provincia, ao tempo que dinamiza a vida social e económica do rural deste concello.

Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Finalmente, na Xunta de Goberno quedou aprobado o último trámite administrativo para o pago de dúas subvencións, por un importe conxunto de 9.500€, a dúas entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. Por unha parte, a Comunidade de Usuarios de Frontón, Outeiro e Lendoiro, de Pantón, recibe 3.900€ para a renovación do sistema de potabilización dun depósito de auga; e, por outra, a Sociedade de Fomento Forestal  Santa Juliana, da Fonsagrada, recibirá 5.600€ para a mellora da accesibilidade e a humanización de diferentes espazos.