Deputación de Lugo
Turismo

Alta participación no arranque das rutas gratuítas que organiza a Deputación para poñer en valor o románico da provincia

Ruta Transrománica
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo deu a benvida ao grupo que participou na visita desta mañá partindo da igrexa de San Xoán de Antas de Ulla, e para o que se cubriron todas as prazas

Haberá un total de 17 itinerarios con 340 prazas durante todo o mes de maio. As persoas interesadas poden inscribirse na web: http://inscricions.deputacionlugo.org

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deu a benvida este sábado ao grupo que participou pola mañá na ruta do románico na Ulloa que organiza a Deputación de Lugo. A cita, que se enmarca dentro do programa de visitas gratuítas da institución provincial para conmemorar o Día da Transrománica -o vindeiro 9 de maio coincidindo co Día de Europa- arrancaba hoxe con percorridos pola Ulloa, onde se cubriron todas as prazas, e o Xeoparque das Montañas do Courel, que contou con moi boa participación.

Na ruta desta mañá, O románico nas Terras da Ulloa: Antas de Ulla, os participantes puideron coñecer as igrexas de San Xoán, Amoexa e Santa Mariña de Amarante da man dunha guía oficial. No percorrido da tarde, O románico nas Terras da Ulloa: Palas de Rei e Monterroso, tiveron a oportunidade de visitar o Mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas, unha das xoias do románico lucense, e veciñas igrexas de San Cristovo de Novelúa e San Miguel de Esporiz, mostra da proliferación de templos de estilo románico favorecida polo paso do Camiño de Santiago.

Outro grupo visitou pola tarde O románico no Xeoparque das Montañas do Courel, unha ruta que comezou en San Salvador de Hospital, en Quiroga. Tamén coñeceu a Abadía de San Clodio e a igrexa de Santa María de Torbeo, integrada na ruta Transrománica europea.

Mañá as visitas serán pola mañá á basílica de San Martiño de Mondoñedo e para coñecer o románico de Chantada, con parada no mosteiro de San Salvador de Asma, ou Santa María de Nogueira. Pola tarde haberá rutas por Taboada e Viveiro, con paradas na igrexa de San Pedro de Bembibre e Santa María de Piñeira na primeira, e a igrexa de Santa María do Campo ou a Porta da Vila na segunda.

A Deputación pon a disposición da veciñanza un total de 17 itinerarios durante todo o mes de maio, cun total de 340 prazas, e para participar é preciso realizar previamente as inscricións a través da web http://inscricions.deputacionlugo.org  ata completar o aforo. 

As persoas interesadas tamén poderán anotarse chamando aos teléfonos 982.260.011 e 982.260.234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org

A programación para os vindeiros días con motivo do Día da Transrománica é a seguinte:

Martes, 9 de maio (Día da Transrománica)
- 11:00 horas. A Catedral de Lugo e a cidade medieval.
- 18:30 horas. Presentación da Guía Lugo Románico: Lugo, Terra Chá, A Mariña. No claustro da Catedral de Lugo.

Sábado, 11 de maio
- 10:30 horas. Monforte Monumental 
- 11:00 horas. O Románico no Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela.
- 16:30 horas. Sarria: O Románico nos Hospitais Medievais de Peregrinos. 
- 16:30 horas. O Saviñao: Románico con vistas ao Miño.

Domingo, 12 de maio
- 11:00 horas. Tesouros do Románico Rural en Lugo e Guntín. 
- 11:00 horas. Santa María de Meira. 
- 11:00 horas. Pantón: A Ruta do Monacato Feminino.
- 16:30 horas. Dez séculos no concello de Sober: Dos Romanos ao Románico.