Menu toggle
Benestar Social

A Deputación achega axudas de 1,5 millóns de euros para esta prestación social nos 66 concellos da provincia que non reciben financiamento algún por parte da Xunta de Galicia. O reparto dos fondos por municipio realizouse en base aos seguintes criterios obxectivos: índice de envellecemento; superficie; densidade de poboación e unidades de poboación. As axudas son para persoas empadroadas en municipios de menos de 20.000 habitantes, que non teñen recoñecida a situación de dependencia no marco da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia (pode consultar o texto da Lei aquí).

Ademais de aumentar o presuposto en 300.000 euros e modificar os criterios do seu reparto; o Goberno da Deputación inclúe máis novidades, acadando un Servizo de Axuda no Fogar totalmente renovado e mellorado. Estas son:   

- Por primeira vez, as Axudas no Fogar serán totalmente gratuítas para os Concellos. A Deputación asumirá o 30% do custo desta prestación que, ata o de agora, tiñan que asumir os municipios. O Goberno da Deputación consegue deste xeito aliviar aos Concellos, pero non aos usuarios, pois a Lei de Servizos Sociais, concretamente o Decreto 99/2012 que aprobou a Xunta de Galicia en dito ano, fixa o copago do servizo.

- Tamén por primeira vez os Concellos poderán pedir un anticipo do 90% do financiamento que lles corresponde.
 
- As axudas non se concederán a través de subvencións de concorrencia non competitiva, como sempre se fixo, senón vía convenio. Con isto conséguese axilizar a concesión dos fondos das Axudas ao Fogar aos municipios, así como axustar este servizo á realidade e necesidades dos usuarios de cada Concello.  

- De xeito pioneiro, a Deputación non só financiará aos Concellos os gastos de persoal do servizo a domicilio como ata o de agora, senón tamén os do seu funcionamento. Hai que ter en conta que pode haber Concellos que non necesiten máis persoal para esta prestación, pero si medios económicos para ofrecer un bo servizo. Por este motivo, a Deputación agora poderá financiar, por exemplo, gastos pola compra de material sanitario ou polo desprazamento dos usuarios, acompañados do persoal do servizo do fogar, a citas médicas, entre outras cuestións, que redunden na mellora da atención dos maiores.
Este é o convenio tipo e o modelo de adhesión ao mesmo que deben complementar os Concellos para sumarse ao Servizo de Axuda no Fogar para nos dependentes que ofrece a Deputación de Lugo.

Para exercer o seu dereito de adhesión, os Concellos deberán presentar no prazo de 15 días hábiles, dende a recepción da comunicación formal remitida a cada municipio, o modelo de adhesión ao convenio de colaboración tipo, coa documentación establecida no mesmo. Poderán facelo no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo ou polos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
No caso de non facelo, entenderase que se rexeita o dereito de adhesión ao convenio de colaboración citado, así como a percepción do financiamento asignado.
 
Para calquera dúbida ou consulta pode contactar cos técnicos da Deputación nos teléfonos: 982 260 246 ou 982 260 138