A Deputación colabora con AFALU para achegar terapias de estimulación cognitiva a persoas con Alzhéimer no rural
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración coa presidenta da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Lugo (AFALU), Carmen Pena Ledo, polo que a institución provincial destina 12.000€ para desenvolver o programa Estimulación Cognitiva de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias.
Este programa financiado pola Deputación, permitirá levar a cabo terapias non farmacolóxicas, atención psicolóxica e formación a coidadores a zonas rurais da provincia, onde o acceso a este tipo de recursos é limitado, pese a que Lugo presenta unha das taxas de envellecemento máis elevada de Galicia, cun 27,6% da poboación maior de 65 anos.
José Tomé Roca enmarcou esta colaboración dentro da aposta da Deputación “por un rural que merece estar en igualdade de condicións co entorno urbano, con recursos e oportunidades para todos e todas”. O mandatario provincial destacou que, con este programa, a institución “contribúe a que persoas diagnosticadas con alzhéimer ou outras demencias poidan recibir atención especializada no seu propio concello, sen ter que desprazarse a Lugo capital ou a outros centros urbanos”.
A iniciativa que desenvolverá AFALU inclúe terapias de orientación á realidade, psicomotricidade, musicoterapia, ludoterapia, laborterapia ou reeducación da memoria, linguaxe e atención. Ademais, prestarase apoio ás familias, ofrecendo información, asesoramento sobre recursos dispoñibles, atención psicolóxica e cursos de formación para coidadores, co obxectivo de mellorar tamén a súa calidade de vida.
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, na provincia de Lugo hai máis de 3.500 persoas diagnosticadas con alzhéimer, das aproximadamente 45.000 en toda Galicia. Ademais, 1.500 persoas na provincia precisan axuda diaria doutra persoa, o que evidencia a importancia de programas que fomenten a autonomía e proporcionen apoio no propio domicilio.
15 anos mellorando a vida das persoas con alzhéimer
AFALU leva máis de 15 anos prestando servizos especializados dende o seu Centro Terapéutico de Estimulación Cognitiva en Lugo, e agora, grazas a esta colaboración coa Deputación, poderá achegar esa atención ao rural, contribuíndo á prevención do deterioro cognitivo, ao retraso da institucionalización e ao empoderamento das persoas maiores e as súas familias.