Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente supervisa as melloras do local veciñal de Taboada dos Freires, coas que colaborou a Deputación

Taboada
VISITA INSTITUCIONAL
asociación de veciños
José Tomé mantivo un encontro con veciños e veciñas beneficiados por esta actuación, que cofinanciou a institución provincial a través do Programa para Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

A reforma consistiu na restauración de parte dos muros, colocación de plaqueta rústica, illamento térmico, mellora da cuberta e a renovación da instalación eléctrica e da fontanería

O Presidente destacou que este tipo de cooperación co tecido asociativo da provincia forma parte do “máximo compromiso que temos na Deputación por acercar e mellorar os servizos dos veciños para favorecer a súa calidade de vida e, deste xeito, contribuír a que a poboación se quede no noso rural”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou as obras de mellora do local veciñal de Taboada dos Freires, coas que colaborou a institución provincial cunha achega de preto de 6.000€. Esta axuda, que serviu para acondicionar un inmoble rústico adquirido pola asociación de veciños desta parroquia de Taboada, foi outorgada pola Deputación a través do Programa para Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios.

José Tomé mantivo un encontro con veciños e veciñas de Taboada dos Freires no propio local acondicionado, xunto coa voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, e o voceiro socialista no Concello de Taboada, Roi Rigueira.

Na visita, o Presidente comprobou de primeira man a prestancia e utilidade que ten agora o local para os veciños, e puxo en valor que este tipo de cooperación co tecido asociativo da provincia forma parte do “máximo compromiso que temos na Deputación por acercar e mellorar os servizos dos veciños para favorecer a súa calidade de vida e, deste xeito, contribuír a que a poboación se quede no noso rural”. “Está claro que ninguén quere vivir nun lugar se non ten os servizos que necesita, e precisamente o que buscamos colaborando cos concellos e coas asociacións é dotar de máis e mellores prestacións ao noso rural, algo que é fundamental se queremos fixar poboación”.

As obras consistiron na restauración de parte dos muros de mampostería existentes, formigonado do chan, colocación de plaqueta rústica nos interiores, illamento térmico na fachada exterior, carpintería, mellora da cuberta, renovación da instalación eléctrica e fontanería de auga quente cun termo eléctrico. O investimento da Deputación axudou a sufragar uns gastos que ascenderon en total a 30.000€.

Programa para Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios
Un total de 55 entidades asociativas de toda a provincia foron beneficiarias destas subvencións do Programa para Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios o pasado ano, grazas ás que se realizaron actuacións como a mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais; obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que desenvolven a súa actividade; adquisición de equipamentos que resulten necesarios para o seu funcionamento; obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, e tamén as súas captacións, canalizacións e acometidas. Tamén recibiron axudas o acondicionamento e recuperación de espazos públicos comunais, fontes comunais e a súa contorna.