Deputación de Lugo

A Deputación festexa Santa Rita cunha homenaxe a 45 traballadores e traballadoras que deixaron de prestar servizo na institución nos últimos tres anos

O Presidente agradeceulles en nome propio e no da entidade provincial o seu traballo, compromiso co público e a súa traxectoria profesional, e fíxoselles entrega dun agasallo conmemorativo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a celebración do Día de Santa Rita, patroa do funcionariado,  que consistiu nunha homenaxe a 45 traballadores e traballadoras da Deputación de Lugo que deixaron de prestar servizo na institución provincial dende maio de 2019 ata actualidade.

No acto estiveron presentes a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deputados e deputadas provinciais, así como os presidentes da Xunta de Persoal, Antonio Chaín, e do Comité de Empresa da institución, Gonzalo Rodríguez Ferreiro.

O Presidente dirixiuse aos participantes no acto agradecéndolles en nome propio e no da Deputación o seu traballo, compromiso co público e traxectoria profesional, e fíxoselles entrega dun agasallo institucional. Subliñou que “as institucións valen tanto como valen as persoas que traballan nelas, e eu teño a honra de presidir unha gran institución porque teño a sorte de contar cun cadro de persoal formado por grandes profesionais”. 

O mandatario provincial incidiu en que o obxectivo do traballo dos empregados públicos é a cidadanía. “Debemos garantir que os veciños e veciñas da provincia de Lugo reciben uns servizos públicos áxiles e de calidade, uns servizos públicos modernos, que respondan cun ritmo axeitado ás demandas da sociedade. Esta debe ser a finalidade que guíe sempre o traballo nas administracións públicas”, explicou.

Legado colectivo na institución
Ademais, puxo en valor o legado colectivo que o traballo das persoas homenaxeadas deixou nesta institución. “Un compromiso permanente polo servizo público, pola modernización e por estar á altura dos cambios da sociedade. Hoxe estamos recoñecendo o traballo individual de cada un, pero tamén o resultado colectivo da suma de todos eses esforzos persoais. Un resultado que, como nos grandes equipos, é moito maior que a simple suma das partes”, expuxo.

“A xubilación supón rematar a vinculación profesional con esta institución, pero os empregados e empregadas desta entidade seguirán sendo parte sempre da Deputación de Lugo, parte da vida e da historia desta institución. Seguirá formando parte, dende o punto de vista afectivo, deste colectivo vivo e mudable que, dende hai máis de dous séculos, se renova para seguir traballando para mellorar as condicións de vida na nosa provincia”, manifestou Tomé Roca.

Un acto con compañeiros e compañeiras
A Xunta de Persoal e o Comité de Empresa promoven o acto de homenaxe a traballadores e traballadoras da Deputación que deixaron de prestar servizos na institución por xubilación, incapacidade laboral ou falecemento, un encontro que foi adiado os últimos dous anos por mor da pandemia. No Salón de Actos as persoas homenaxeadas foron arroupadas hoxe polos seus compañeiros e compañeiras da Deputación de Lugo e polas súas familias. 

As persoas que recibiron recoñecemento prestaron servizo na Granxa Gayoso Castro, Vías e Obras, Portería e Vixilancia, Centro de Artesanía e Deseño, Medio Ambiente, Asesoría Xurídica, Actas, Vixilancia, Protocolo e Relacións Institucionais, Secretaría Xeral e Servizos Centrais, Parque Móbil, Servizo de Prevención de Riscos Laborais, Cooperación cos Concellos, Recursos Humanos, Cultura, Recadación, Intervención e Rede Museística.

Unha vez rematou a entrega de agasallos, fíxose no patio do Pazo de San Marcos unha fotografía de familia e todos xuntos desfrutaron dun aperitivo.