Deputación de Lugo

A Deputación concede 300.000€ en axudas para a dotación e mellora de servizos no rural

axudas
SUBVENCIÓNS
RURAL
Un total de 55 colectivos veciñais de toda a provincia recibirán subvencións de entre 1.000 e 6.000€ para acometer actuacións como a mellora de vías, locais sociais, traídas de auga ou espazos públicos comunais

A voceira socialista do Goberno salientou que o obxectivo da institución con esta iniciativa é dotar de máis e mellores servizos ao rural para fixar poboación porque “está claro que ninguén quere vivir nun lugar se non ten os servizos que necesita”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a concesión das subvencións convocadas pola institución provincial a través do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios por un importe total de 300.000€. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que lembrou que esta liña de axudas de concorrencia competitiva estaba dirixida a entidades asociativas da provincia para a execución de obras destinadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza do rural.

As achegas provinciais -que oscilan entre os 1.000 e os 6.000€- están dirixidas a entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais de toda a provincia “para realizar investimentos en inmobles ou para equipamentos que melloren a calidade de vida da xente, e fomenten e dinamicen o asociacionismo veciñal”, explicou García Porto. 

“Aínda que estas axudas non teñen unha gran entidade económica, si terán unha gran relevancia social para mellorar o día a día dos veciños”, sinalou a Deputada. “Está claro que ninguén quere vivir nun lugar se non ten os servizos que necesita, e isto é precisamente o que queremos con este programa, dotar de máis e mellores servizos o noso rural para fixar poboación”, recalcou García Porto.

Son un total de 55 entidades asociativas de toda a provincia as beneficiarias destas subvencións, grazas ás que realizarán actuacións como a mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais; obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que desenvolven a súa actividade; adquisición de equipamentos que resulten necesarios para o seu funcionamento; obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, e tamén as súas captacións, canalizacións e acometidas. Tamén están subvencionadas obras de acondicionamento e recuperación de espazos públicos comunais, fontes comunais e a súa contorna.

Renovación de equipamento na Granxa Gayoso Castro

A Xunta de Goberno celebrada este venres tamén aprobou a subministración dun carro mesturador autopropulsado para a alimentación do gando da Granxa Gayoso Castro, da Deputación, por un importe de 230.000€. O adxudicatario deste contrato é a empresa Farming Agrícola, SAU. Esta nova ferramenta permitirá garantir unha calidade óptima da ración que se lle subministra aos animais, logrando unha maior eficiencia e produtividade, e contribuíndo ao seu benestar. Esta nova máquina servirá para substituír outra xa obsoleta coa que contaba a instalación provincial.

Por outra banda, a sesión provincial celebrada esta mañá tamén aprobou cubrir unha praza de enxeñeira topógrafa para a prestación de servizos na Deputación de Lugo.