Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia organiza obradoiros de cestería do 28 de marzo ao 3 de abril, coincidindo cos Días Europeos da Artesanía

cultura
artesanía
O Centrad súmase á celebración destes días con actividades de cestería vinculadas ao mundo das aves da man de Carmen Fieiras, Idoia Cuesta, Beatriz Valín, María Otero e Mª Jesús Labrador

O prazo de inscrición nas actividades abrirase o xoves 17 de marzo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia uns obradoiros de cestería a través do Centrad que se celebrarán do 28 de marzo ao 3 de abril no centro de cestería, a carón do Paseo do Río Rato, coincidindo cos Días Europeos da Artesanía.

As actividades xirarán en torno a unha temática común: o mundo das aves. Niños, comedeiros, piteiras e cestas para os ovos serán as pezas que as persoas participantes poderán facer a través das ensinanzas das cesteiras Carmen Fieiras, Idoia Cuesta, Beatriz Valín, María Otero e María Jesús Labrador.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, subliñou que “esta iniciativa integra un conxunto de propostas que dan visibilidade ás artesás e artesáns lucenses, poñendo á súa vez en valor a artesanía como sector produtivo, sustentable e ligado á tradición” e remarcou tamén “que a iniciativa complementa as actividades relacionadas coa permacultura e a sostibilidade que vimos organizando en Reque desde o inicio do ano, con diferentes obradoiros relacionados co aproveitamento dos recursos naturais, o consumo responsable e o respecto ao entorno”.

En total, darase cabida a 72 persoas, coa idea inicial de desenvolver os obradoiros no exterior, se o tempo o permite, co obxectivo de compartir cos visitantes o espírito de celebración destes días.

Luns 28 de marzo
Capuchón protector de sementes.
Monitora: Carmen Fieiras
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Martes 29 de marzo
Niño de vimbio
Monitora: Carmen Fieiras
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Mércores 30 de marzo
Comedeiro cónico
Monitora: Idoia Cuesta
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Xoves 31 de marzo
Niño de esparto
Monitora: Beatriz Valín
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Venres 1 de abril
Comedeiro esférico
Monitora: María Otero
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Sábado 2 de abril
Piteira tradicional
Monitora: María Jesús Labrador
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Domingo 3 de abril
Cesta de ovos de láminas de madeira
Monitora: María Jesús Labrador
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Os obradoiros da semana están enfocados a persoas amantes da natureza que queiran coñecer técnicas de cestería aplicadas a un proxecto sinxelo que non precisa coñecementos previos. Os obradoiros do sábado e domingo están orientados a cesteiras ou cesteiros profesionais ou afeccionados.

Inscricións

O prazo de inscrición extenderase do 17 ao  25 de marzo, e as persoas interesadas en participar deberán dirixir a solicitude ao enderezo electrónico lugardereque@deputacionlugo.org. A selección de participantes farase por rigorosa orde de recepción das solicitudes.

Días Europeos da Artesanía

Os Días Europeos da Artesanía teñen a súa orixe en Lles Journées Européennes des Métiers d´Art, que organiza en Francia o Institut NAtional deas Métiers d´Art (INMA) desde o ano 2002. Na actualidade, esta festa de sete días ao redor da artesanía está promovida por Fundesarte, da Escola de Organización Industrial, e a Organización dos Artesáns de España, Oficio e Arte, e celébrase simultaneamente en 18 países.

O obxectivo destas xornadas, que este ano van do 28 de marzo ao 3 de abril, é achegar ao público os segredos do traballo artesán para difundir a súa enorme riqueza e singularidade.