Deputación de Lugo
Medio ambiente

Máis de 40 representantes de grupos conservacionistas e comunidades de montes coñecen no Xistral os avances do programa Life

Deputación de Lugo
Life in common land
Os participantes na visita organizada pola Deputación percorren hoxe boa parte do territorio que forma parte do proxecto de conservación e aproveitamento da riqueza ambiental impulsado pola institución con fondos europeos e a colaboración das universidades de Santiago e A Coruña

A Deputación de Lugo organizou este sábado unha visita á Serra do Xistral para dar a coñecer os avances do programa de conservación e aproveitamento da riqueza ambiental Life in Common Land que impulsa a institución neste territorio con fondos europeos. Un total de 41 representantes de grupos conservacionistas e comunidades de montes percorreron boa parte do territorio que forma parte do proxecto.

No Viveiró, o punto de partida da visita, o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, deu a benvida ao grupo e puxo en valor esta iniciativa que se desenvolve nunha Zona de Especial Conservación (ZEC) situada dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e que é rica en turbeiras e brezais húmidos. 

O grupo detívose na mancomunidade de montes de Montouto (Abadín) para unha explicación xeneral do proxecto coas súas distintas fases e subiu camiñando á Balsa (Muras) pola Cruz de Pedra. Os técnicos explicaron en detalle a restauración dunha turbeira de cobertor mediante a eliminación de piñeiral con corta manual, arrastre e reunión con tracción animal e saca con zorra e cable dende pista. Finalmente, na zona  de Tenente e Xistral (Muras) a comitiva coñeceu algunhas das accións demostrativas de mellora que se están a desenvolver neste monte.

LIFE in Common Land é un proxecto que xurde co propósito de mellorar e traballar nas ameazas que afectan aos hábitats do Xistral, como son as alteracións na composición do paisaxe, a degradación dos hábitats pola actividade humana ou o cambio climático.