Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O Presidente da Deputación participa na I Festa da Vendima do Saviñao, que exalta os viños da Ribeira Sacra

Ribeira Sacra
vendima
Escairón
O Saviñao

O Presidente de Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este domingo á I Festa da Vendima do Saviñao. José Tomé estivo presente no pregón a cargo do escritor e profesor Xabier Quiroga Díaz, natural da localidade, e tamén visitou a feira e participou no xantar popular que acolleu a centenaria Devesa de Escairón.

O mandatario provincial felicitou ás adegas incidindo na calidade dos caldos, e puxo en valor o traballo dos viticultores da Ribeira Sacra que están “consolidando a presenza dos nosos viños nos mercados e, tamén, nas cartas de viños dos restauradores de maior prestixio”.  Explicou que “ter un sector vinícola sólido é unha riqueza en si mesmo, pero tamén favorece o turismo, a hostalería e o comercio, porque arredor do viño créase emprego e riqueza no rural, o que axuda a frear os desequilibrios territoriais e a fixar poboación de cara ao futuro”.

Na cita, que ten como obxectivo a exaltación da colleita de viños da Ribeira Sacra deste ano, estiveron presentes adegueiros acollidos á denominación de orixe. Tamén incluíu o programa unha cerimonia de bendición de uvas ou a demostración do pisado tradicional.