Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación financiará 72 de visitas e actividades divulgativas a través do programa “Da Escola á Granxa”

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
DA ESCOLA Á GRANXA
VISITAS GRANXAS

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a concesión de axudas para a organización de actividades no marco do programa “Da Escola á Granxa” de área de Medio Rural.

As achegas, dirixidas a asociacións de nais e pais, teñen como obxectivo poñer en valor os produtos de proximidade e o sector primario para as xeracións máis novas, financiando visitas a gandeirías, producións agrícolas e pequenas empresas agroalimentarias asentadas no rural, así como outras actividades de divulgación e sensibilización vinculadas ao medio rural.

En total, atendendo ás solicitudes presentadas, a área dirixida por Mónica Freire colaborará no financiamento de 72 actividades, organizadas por máis dunha trintena de anpas distribuídas por toda a provincia.

A deputada de Medio Rural Mónica Freire explicou que “a través destas visitas e actividades, que empezarán a desenvolverse a partir do inicio do curso, nenos e nenas de infantil e primaria, poderán achegarse a gandeirías e producións agrarias e coñecer de primeira man o traballo cos animais e cos cultivos,  participar en obradoiros de elaboración de alimentos ou noutras propostas didácticas ligadas ao coñecemento da contorna e á educación ambiental”

A área de Medio Rural da Deputación investiu un total de 40.000 euros neste programa co que pretende tamén contribuír a consolidar unha oferta de recursos e servizos educativos arredor do sector primario e visibilizar referentes no rural. A resoluciòn, coa listaxe de entidades beneficiarias, publicarase a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia.