Deputación de Lugo

O Presidente avoga por seguir impulsando a cohesión social como factor esencial para fixar poboación no territorio

comisión executiva
Eixo Atlántico
José Tomé Roca participou este luns na cidade portuguesa de Maia na reunión da Comisión Executiva do Eixo Atlántico


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na reunión da Comisión Executiva do Eixo Atlántico celebrada este luns na cidade portuguesa de Maia para dar conta e seguir impulsando as liñas da actuación da entidade transfronteiriza. José Tomé forma parte deste órgano como presidente da Comisión de Cohesión Social, cuxa constitución tivo lugar no mes de marzo na propia Deputación de Lugo. 

O mandatario provincial destacou a importancia de continuar desenvolvendo no marco do Eixo Atlántico accións encamiñadas a favorecer a cohesión social, “algo imprescindible para fixar poboación no territorio e facer fronte ao reto demográfico”. Neste sentido, o Presidente puxo en valor iniciativas que impulsa a Deputación de Lugo, como o modelo de centros de atención a persoas maiores, que “garante o benestar dos usuarios e das súas familias, favorece o arraigo e, ao mesmo tempo, ten un retorno económico e crea emprego”.

Na Comisión Executiva celebrada hoxe acordouse celebrar a próxima reunión deste órgano o día 28 de novembro, na cidade de Lugo, un encontro onde o Eixo decidirá a localización da vindeira Asemblea Xeral.