Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente chama a traballar nun sistema educativo ben financiado na presentación do libro O Ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX, co que colabora a Deputación

Monforte de Lemos
A institución provincial adquiriu 334 exemplares desta obra do profesor monfortino Pedro Gómez, en cuxas páxinas “asoma a gran historia do noso sistema educativo, pero tamén as pequenas historias persoais de mestres e mestras, mecenas, reformadores educativos e alumnos”, subliñou José Tomé

“Como ocorre con todos os libros que recuperan e poñen en valor o noso pasado, esta obra debe servirnos tamén para pensar no futuro. Se queremos desenvolvemento, emprego, innovación, respecto ao medio ambiente ou o impulso da cultura, só o podemos facer da man dun sistema educativo ben deseñado e ben financiado”, asegurou

O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou este xoves na Casa da Cultura da cidade do Cabe o libro O Ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX, obra do profesor monfortino Pedro Gómez. A institución provincial colaborou coa publicación adquirindo 334 exemplares deste libro, no que o autor fai un repaso pola historia do sistema educativo do sur da provincia.

José Tomé destacou que Pedro Gómez “coñece dende todos os puntos de vista posibles a evolución e a realidade do sistema educativo, como mestre, como inspector de Educación ou como responsable de cargos autonómicos relacionados coa organización educativa. Por iso, nas páxinas deste libro asoma a gran historia do noso sistema educativo, pero tamén as pequenas historias persoais de mestres e mestras, mecenas, reformadores educativos e alumnos”.

A historia da educación reflexa a historia xeral de Galicia e de España, “así que atoparemos na lectura avances e retrocesos. Liberais ou absolutistas, dictatoriais ou democráticos, todos os gobernos da nosa historia coincidiron en considerar a Educación  como un dos piares do Estado. Por desgracia, algúns pelexaron máis por controlala que por darlle elementos para desenvolverse”, explicou o Presidente.

O mandatario provincial destacou así mesmo que Lemos “foi sempre unha terra conectada coas grandes correntes educativas das diferentes épocas. O carácter ilustrado da Corte dos Condes no Século de Ouro sentou as bases dun aprecio polo ensino que non minguou co paso dos anos. Xunto coas escolas municipais, atopamos o Seminario, o Real Colexio de Humanidades, a aparición de escolas vinculadas aos empregados do ferrocarril ou a preocupación por desenvolver o ensino de artes e oficios, o que poderíamos considerar o antecedente da actual FP”.

Pensar no futuro

Ao mesmo tempo, o Presidente argumentou que, “como ocorre con todos os libros que recuperan e que poñen en valor o noso pasado, esta obra debe servirnos tamén para pensar no futuro”. Citando un dato do autor, José Tomé lembrou que no ano 1900, España destinaba ao ano 1,53 pesetas por habitante a educación, cando daquela Alemaña destinaba o equivalente a 10 pesetas. Despois de máis dun século, no ano 2018, o gasto per cápita en educación en Alemaña subía a 2.396€. En Galicia, o gasto en educación por cada galego non chegaba ós 1.000 euros no ano 2021.

“Polo tanto, este libro ten que servirnos para reflexionar de novo sobre a necesidade de apostar firmemente polo ensino público, universal e de calidade, pola necesidade de investir no ámbito educativo se queremos competir no ámbito económico. Se queremos camiñar cara un futuro de desenvolvemento, de creación de emprego, de innovación, de respecto ao medio ambiente ou de impulso da cultura, só o podemos facer da man dun sistema educativo ben deseñado e ben financiado. Un sistema educativo dotado de recursos suficientes, que motive ós profesores e que garanta que os nenos e as nenas teñen dereito a unha educación universal e de calidade con independencia do lugar no que vivan”, asegurou o Presidente.