Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación dá a coñecer o proxecto LIFE para o aproveitamento sostible da Serra do Xistral na feira cabalar de Amio

Serra do Xistral
Life in common land

A Deputación de Lugo dá a coñecer este xoves na feira cabalar que se celebra en Amio, en Santiago, o proxecto Life In Common Land, dirixido a impulsar accións para o coidado e aproveitamento sostible da Serra do Xistral. Na cita, o equipo do LIFE -liderado pola institución provincial e que conta coa colaboración das universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Coruña (UDC)- participa cun expositor informativo desde o que se explica aos visitantes o traballo de conservación da natureza que se está desenvolvendo neste territorio. Os asistentes a esta feira tamén poderán degustar as tapas elaboradas con produtos procedentes do Xistral, como carne de poldro de Pura Raza Galega, queixo San Simón ou mel.

LIFE in Common Land é un proxecto europeo a través do que a Deputación impulsa accións para a conservación de hábitats de interese comunitario da Serra do Xistral, como as turbeiras e os queirogais húmidos da zona, únicos na Europa continental, e para o aproveitamento sostible desta riqueza natural. A institución traballa nesta iniciativa en colaboración moi estreita con 11 comunidades de montes veciñais en man común da zona, as de Balsa, Boimente, Cadramón, Frexulfe, Laxa Moura, Miñotos, Montouto, Tenente e Xistral, Santo Tomé de Recaré, Silán e Vilacampa, pertencentes aos concellos de Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro e Xove.