Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural colaborará na creación dun aparcadoiro de setenta prazas en Ribadeo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
APARCADOIRO

A Deputación de Lugo colaborará co Concello de Ribadeo na creación dun novo aparcadoiro, con 70 prazas, a carón do centro histórico da vila. O investimento previsto para a realización das obras, que contan cun prazo de execución de tres meses desde a formalización do encargo, é de 44.500 euros, dos cales 40.000 euros se comprometeron dende a área de Medio Rural da Deputación de Lugo e o propio concello de Ribadeo, a través dun convenio interadministrativo de colaboración.

A deputada Mónica Freire sinalou que "este novo servizo ven a solventar as situacións de incomodidade para viandantes e persoas residentes na zona, que carecen de espazo para o lecer e atopan vehículos estacionados diante das súas vivendas. Ademais, engaden, que a redución do tráfico evitará o deterioro do firme nestas rúas do centro".

"O obxectivo desta actuación é facilitar o aparcamento e reducir o tránsito de vehículos nas rúas do conxunto histórico, nas que se recuperaría espazo para uso peonil, avanzando na  mellora da mobilidade e na humanización do casco urbano", concluíu a responsable provincial

O aparcadoiro ocupará unha serie de parcelas sen construír, situadas na parte posterior de varias edificacións, polo que a actuación suporá tamén un cambio estético para a zona.O proxecto de execución das obras contempla a limpeza e afirmado das parcelas, que teñen unha lixeira pendente. A maior parte da superficie pavimentarase para habilitar as prazas de aparcamento, en tres filas. 

O acceso dos vehículos ao aparcadoiro será desde a rúa Pipelo, mentras que a entrada peonil será desde a Rúa Nova, por unha porta xa existente, que será restaurada. Ademais, como alternativa peonil, construirase unha escaleira de madeira tratada e desenrolada en dous tramos con varanda en madeira, que comunicará coa zona lateral do Concello.