Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación explica o seu proxecto de recuperación de soutos no IV Seminario O Patrimonio Cultural do Courel

Deputación de Lugo
Medio Ambiente
USC
A Deputación explica o seu proxecto de recuperación de soutos no IV Seminario O Patrimonio Cultural do Courel

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este venres na Estación Científica da USC en Seoane do Courel no acto de inauguración do IV Seminario O Patrimonio Cultural do Courel, dedicado este ano aos soutos. Fernández Rico destacou na súa intervención o proxecto que desenvolveu a institución provincial para favorecer  a recuperación, conservación, posta en valor e aproveitamento sostible dos soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionada pola Deputación, como modelo replicable no resto do territorio. Esta iniciativa é finalista na Copa España Creativa 2020, uns premios de ámbito nacional que recoñecen proxectos innovadores encamiñados a promocionar o desenvolvemento sostible. Os galardóns fállanse esta fin de semana en Orihuela. 

O proxecto para a recuperación dos soutos nos Ancares “é un exemplo máis do compromiso da Deputación coa posta en valor do patrimonio cultural e coa conservación do medio ambiente como unhas ferramentas importantes para o desenvolvemento do rural. Entendemos que a creación de emprego sostible, a consolidación dunha oferta turística de calidade ou a diversificación e fortalecemento do sector primario están moi relacionados co coñecemento da paisaxe, da historia e das costumes”, explicou o Deputado de Recursos Sostibles, quen recalcou que nesta estratexia a institución colabora coa Universidade de Santiago, con accións como o propio seminario sobre O Patrimonio Cultural do Courel, e co tecido social e produtivo.