Deputación de Lugo
Infraestruturas

64 operarios e 32 máquinas, preparados para atender incidencias de xeo e neve na rede viaria provincial

xeo
neve
64 operarios e 32 máquinas, preparados para atender incidencias de xeo e neve na rede viaria provincial
Campos Conde explicou que son os medios que arestora están despregados nos municipios con maior risco de acumulación de neve ou xeo, uns 35, que xa están a realizar labores de prevención para dar resposta ás posibles inclemencias meteorolóxicas que se poidan producir durante esta xornada

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este luns que o Goberno mantén activado o dispositivo de inverno co que facer fronte a calquera incidencia, relacionada coas inclemencias meteorolóxicas, na rede viaria provincial, a máis extensa do estado con 4.200 quilómetros.

Campos Conde explicou que “arestora son 64 operarios e 32 máquinas as que están despregados nos municipios con maior risco de acumulación de neve ou xeo, uns 35, que xa están a realizar labores de prevención para dar resposta ás posibles inclemencias meteorolóxicas que se poidan producir. Para elo, continuarase a estender sal nas vías coas que garantir que non se formen placas de xeo, evitando o uso doutro tipo de fundentes máis agresivos coas estradas e co medio ambiente”.   

8 zonas de actuación


O dispositivo despregado pola Deputación atópase dividido en 8 zonas da rede viaria provincial. Por cada unha delas hai 8 vehículos -2 máquinas quitaneves con cuña, 2 tractores adaptados con saleiro e cuña, 2 pick up, adaptadas con cuña e saleiro e 2 vehículos de apoio con medios mecánicos- e 14 operarios. Isto significa que, en total, a Deputación ten 64 máquinas e 112 operarios previstos para actuar durante as 24 horas do día en calquera punto da provincia.

Ademais, cada empresa adxudicataria que atende a cada zona terá que dispoñer do dobre de medios, por si fóra preciso utilizalos. A maiores aparte desta maquinaria, o dispositivo tamén conta con varias máquinas do parque móbil como palas mixtas ou camións, que se engaden ao protocolo de actuación se é preciso.

As zonas de actuación son:
Zona Norte
- Zona 1, con 530 quilómetros de vías, nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
- Zona 2, con 618 quilómetros, no Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.

Zona Centro
- Zona 3, con 668 quilómetros, en Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.
- Zona 4, con 680 quilómetros, en Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.

Zona Oeste-Sur (A Montaña)
- Zona 5, con 332 quilómetros, en Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
- Zona 6, con 334 quilómetros, en Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
- Zona 7, con 313 quilómetros, en Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.

Zona Sur
- Zona 8, con 738 quilómetros, en Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.