Menu toggle
Medio Rural e do Mar, Mocidade
A Carqueixa
José Antonio Díaz. Presidente da Carqueixa

José Antonio Díaz, Presidente da Cooperativa a Carqueixa, coas súas vacas

A Carqueixa é unha cooperativa gandeira na que participan preto de 200 cooperativistas, adicados a criar e producir Ternera Galega Suprema. O seu proxecto está comprometido co rural e coa sostenibilidade, contribuíndo ao crecemento económico dos concellos nos que están presentes e, grazas á gandería extensiva na que as vacas pacen e crían en liberdade, axudan a manter os prados e montes limpos.

“O Sabor dos Ancares” é a web da cooperativa, onde os consumidores poden mercar, directamente, sen intermediarios, os produtos cárnicos que ofrecen. Outra vía de difusión do traballo da cooperativa son as redes socias, estando presentes en Facebook, Instagram, e Youtube.

Desde a área de Medio Rural, Mar e Mocidade, estamos comprometidos co proxecto da cooperativa a Carqueixa e cos seus gandeiros, que apostan por un modelo de agricultura sostible, xerando riqueza e postos de traballo, contribuíndo á conservación do medio rural vivo, dinámico e ecolóxico. Colaboramos coa Carqueixa mediante unha subvención nominativa de 6.000 euros, para colaborar no financiamento dos gastos derivados da execución da actuación “Actividades de promoción e difusión dos seus produtos –O sabor dos Ancares-” na anualidade 2020. Esta actuación consiste na difusión dos valores asociados á actividade da entidade beneficiaria, a necesidade de coidar o medio, as culturas e as tradicións dos Ancares, poñendo en valor a vida no rural; ademais de orientar á sociedade sobre o consumo correcto de carne e sobre normas para unha alimentación saudable.

A actividade gandeira da Cooperativa A Carqueixa permite manter os prados e montes limpos e reducir o risco de incendios, ademais de contribuír á fixación de poboación e a un crecemento económico sostible da zona. Constitúen a principal actividade económica nos concellos nos que asentan os seus cooperativistas.

A súa cabana gandeira non se estabula, realizan pastoreo rotacional diariamente, polo que a xestión é 100% respectuosa co medio ambiente. Moitos dos gandeiros manteñen a tradición da trashumancia, percorrendo coas vacas 20 quilómetros ata os Ancares leoneses para asegurar unha alimentación dos animais completamente natural e ao aire libre. 

A Carqueixa ten un compromiso inequívoco co rural e co proxecto vital das persoas que queren vivir nel. Son gandeiras e gandeiros orgullosos/as da súa orixe, da súa tradición e do seu traballo.

Cooperativa a Carqueixa

Imaxe cedida pola Cooperativa.

Cooperativa a Carqueixa

Imaxe cedida pola Cooperativa.