Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación amosa a alumnos da USC a importancia da xestión das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares

Reserva da Biosfera
Reserva Terras do Miño
Reserva Ancares
USC
A institución provincial colabora dende 2017 coa Universidade de Santiago para que o estudantado dos másters nas enxeñerías de Montes e Ambiental coñezan estes espazos protexidos: que son, os seus obxectivos e como se xestionan para favorecer a súa protección e conservación, así como o seu desenvolvemento sostible

A Deputación de Lugo amosou este martes a 10 alumnos e alumnas da Universidade de Santiago de Compostela a importancia da xestión dun territorio tan valioso como as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, xestionadas pola institución provincial, para favorecer a súa protección e conservación, así como o seu desenvolvemento sostible. Na xornada, que se celebrou na Casa das Insuas, en Rábade, participaron estudantes dos másters en Enxeñería de Montes, que se imparte na Escola Politécnica de Lugo, e en Enxeñería Ambiental, que ofrece a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago. 

Esta actividade universitaria conta co apoio da Deputación de Lugo desde o ano 2017, de maneira que unha das visitas que ten o alumnado das materias Planificación e xestión de espazos naturais protexidos e Planificación de sistemas naturais que se imparten nestes másteres é ás reservas Terras do Miño e os Ancares Lucenses. 

Persoal da área de Medio Ambiente da Deputación foi o encargado de explicarlles aos estudantes que é unha Reservas da Biosfera, que obxectivos ten e, sobre todo, como se xestiona. Tamén se lles falou do acordo de custodia do territorio mantén a Deputación coa Asociación Galega de Custodia o Territorio para a xestión das Insuas do Miño e Ollos de Begonte, espazos de gran valor ambiental que son propiedade da Deputación e forman parte da Zona Núcleo da Reserva Terras do Miño e da Rede Natura 2000. Neste sentido, expúxose a custodia do territorio como unha estratexia para a xestión do territorio que axuda aos propietarios, ben sexan públicos ou privados, a conservar a diversidade biolóxica, a paisaxe e o patrimonio cultural.
 
Esta actividade universitaria enmárcase nos obxectivos do Programa Mab de utilizar as reservas da biosfera para a investigación, a observación permanente, a educación e a capacitación.