Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural apoia a comercialización da faba de Lourenzá a través da plataforma de venda en liña Son de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
medio rural
Mónica Freire
SON DE LUGO
FABA DE LOURENZÁ
COOPERATIVA TERRAS DA MARIÑA
A Cooperativa Terras da Mariña agrupa 15 produtoras e produtores desta legume, que se cultiva e vende baixo a certificación de Indicación Xeográfica Protexida 

Co fin do período estival chega a recollida das fabas de Lourenzá, un produto emblemático da comarca con multitude de características singulares. Así o afirman desde a cooperativa Terras da Mariña, un grupo de produtores e produtoras que traballan sobre unha idea fundamental: distinguir as fabas que se cultivan na comarca polas súas peculiaridades produtivas e de comercialización.

A potencialidade da tbisbarra e dos terreos de cultivo sobre os que sementan as fabas foi unha das motivacións principais para José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida que ampara a Faba de Lourenzá desde o 2008. A súa historia de volta ao rural súmase á de moitos outros que atopan no seu fogar un tesouro que protexer e potenciar. E do que vivir dignamente. Actualmente é un dos 15 produtores que integran a cooperativa Terras da Mariña para ofrecer este produto dun xeito moi coidado que o fai único. 

Terras da Mariña nace como continuidade dun proxecto cooperativo que, tras recibir un galardón, aposta por medrar ao abeiro de produtores con moita experiencia no sector, así como outros máis novos que inician a súa andaina con decisión e gañas de aprender.

"Agruparse para medrar xuntos”, o piar fundamental desta cooperativa que ademais está integrada na plataforma Son de Lugo, impulsada pola área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Non dubidan en afirmar que a iniciativa contribúe a que moitos dos sectores da provincia compartan produtos de calidade, coma un mercado ou feira de produtos da terra. Deste xeito tratan de sobrepoñerse aos altibaixos da produción e o prezo da Faba de Lourenzá, así como vencer as dificultades do mercado de cara á comercialización, velando por conservar “unha terra e unhas técnicas tradicionais de cultivo”, que producen este alimento único no mundo.

A distinción de calidade vén dada principalmente por tres características diferenciadoras doutros cultivos de faba: as técnicas empregadas, o lugar no que se producen, as características do produto e a súa comercialización. 

As técnicas de cultivo empregadas son tradicionais, aplicando procedementos que datan do século XVIII, momento no que a Mariña lucense se converteu nun referente do cultivo de faba pola súa importancia na alimentación e nas transaccións comerciais. Tres séculos despois, esta actividade conforma o sustento principal de moitas familias, así como de xente moza que está apostando por quedarse e fixar poboación no rural.

Tal é o caso de Cuadrado, que convida á xuventude a sacar todas as potencialidades que ten o campo, especialmente o cultivo da faba. Un produto que destaca sobre outras legumes pola textura no padal, cunha pel fina que permite gozar da súa untuosidade e que mestura moi ben con outros alimentos. A súa versatilidade é notoria na gastronomía da comarca, con miras a un futuro de exportación nacional.

O clima particular da zona fai que a faba de Lourenzá sexa única e exquisita, e a súa comercialización garante a calidade: os envases son de 0,5 e 1kg. de peso con materiais autorizados pola lexislación vixente que permiten a súa conservación óptima. Ademais, este alimento que está baixo a IXP Faba de Lourenzá leva a etiqueta comercial correspondente con dita denominación.

A IXP abrangue aos 15 concellos da Mariña onde se produce, unha distinción acadada hai máis de 8 anos froito de moito traballo para poñer a faba no mercado, minimizar as incertezas dos produtores e dar pulo á comercialización e visibilidade do produto, complementada con outras iniciativas como a Festa da Faba, un escaparate fundamental. Ademais, conta co certificado de Galicia Calidade e o certificado Slow Food, selos que priman e protexen produtos galegos de calidade.

Urxe un relevo xeracional no campo galego, que mozas e mozos podan empregalo como medio de vida. Que as sociedades se alimenten de xeito sostible, que se prioricen os cultivos tradicionais, a calidade fronte á inmediatez. Debemos camiñar cara un modelo distinto, respectuoso co rural e o medio no que a provincia de Lugo despunta grazas a proxectos de interese como o da cooperativa Terras da Mariña, acubillados e potenciados por Medio Rural.