Deputación de Lugo

O Presidente chama a encarar a modernización do sector leiteiro segundo as directrices da nova PAC

granxa gayoso castro
granxa experimental de leite
USC
Campus Terra
sector primario
“Temos que ser capaces de anticiparnos e estar preparados para ese escenario que se vai vivir no 2023 coa nova Política Agraria Común”, subliñou na apertura da xornada sobre dixitalización na actividade leiteira celebrada na Granxa Gayoso da Deputación

José Tomé sinalou que “falar de dixitalización e modernización do sector lácteo é falar do futuro do sector primario, e, polo tanto, do futuro da provincia de Lugo. Porque, sen o sector primario, o noso rural, a nosa provincia non ten futuro”

O Presidente puxo en valor o compromiso da institución provincial coa actividade agrogandeira a través de proxectos como a Granxa Experimental de Leite, “o primeiro centro público de Galicia que une formación e investigación, aproveitando o caudal de coñecemento que xera a Universidade de Santiago”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na inauguración da xornada de demostración SmartAgriHubs: A dixitalización no sector lácteo galego, que se celebrou este mércores nas instalacións da Granxa Gayoso Castro que a institución provincial ten en Castro Ribeiras de Lea, un acto no que chamou a encarar a modernización do sector leiteiro segundo as directrices da vindeira PAC. “Temos que ser capaces de anticiparnos e estar preparados para ese escenario que se vai vivir no 2023 coa nova Política Agraria Común”, sinalou Tomé Roca.

Na apertura deste encontro, dirixido a estudantes, profesionais e técnicos, tamén participou Elvira López Mosquera, adxunta ao Vicerreitorado de Coordinación do Campus Terra de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, e José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL). José Tomé explicou que este foro é “un exemplo de como debemos seguir traballando no futuro. Unhas xornadas que emanan dun proxecto europeo dirixido a impulsar a dixitalización do sector do vacún de leite, no que están implicados a Universidade, o tecido produtivo e centros de investigación”.

“Falar de dixitalización e da modernización do sector lácteo é falar do futuro do sector primario, e, polo tanto, falar do futuro da provincia de Lugo. Porque, sen o sector primario, o noso rural, a nosa provincia, non ten futuro”, salientou o Presidente, que  argumentou que “a actividade agraria, gandeira, forestal, vitivinícola e do mar é clave para a provincia de Lugo, por moitas cousas. Porque crea actividade económica e porque crea emprego; porque axuda a asentar poboación; porque contribúe ó coidado do medio ambiente e á ordenación do territorio, e polo tanto a previr incendios; e tamén, moi importante, porque preserva a nosa cultura e a nosa identidade”. 

Sinalou Tomé Roca que “a dixitalización e a modernización do sector primario é un dos procesos que, entre outros, son fundamentais para facer esta actividade sostible e rendible, para que garanta unha calidade de vida e un sustento digno ás persoas que se dedican a ela”. Para elo, “é imprescindible contar cunha boa rede de comunicacións, cunha boa cobertura de móbil e de internet, para ser realmente competitivos”. 

O mandatario provincial tamén puxo en valor neste foro o compromiso da Deputación de Lugo co sector agrogandeiro, nunha liña de traballo na que destaca a colaboración coa USC e na que priman proxectos como o da a Granxa Gayoso Castro e, en concreto, a Granxa Experimental de Leite, que é pioneira, porque se trata “do primeiro centro público da provincia de Lugo e de toda Galicia que une actividades de formación universitaria e de investigación en torno ao sector lácteo. Unhas instalacións dedicadas á docencia, pero tamén a poñer ó servizo do sector a investigación e a innovación, aproveitando o caudal de coñecemento que xera a Universidade”, apuntou o Presidente.

“Dende a Deputación de Lugo, seguiremos, coma sempre, apoiando, colaborando e acompañando ás explotacións gandeiras da nosa provincia en todo o que sexa necesario para que sexan sostibles e máis competitivas, e, polo tanto, para que a xente do noso rural e da nosa provincia teña futuro”, recalcou José Tomé.