Cooperación concellos
Deputación de Lugo

Arrancan as obras de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena nas que a Deputación inviste 1M€

infanta elena
Lugo
O Presidente e a Alcaldesa de Lugo supervisaron este martes o inicio destes traballos que financia e executa a institución provincial, e que mellorarán a seguridade viaria e a accesibilidade de condutores, viandantes e ciclistas da zona norte da cidade

O proxecto afecta ao treito que vai dende o enlace coa Ronda Norte á glorieta 25-N. A vía pasará a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura de Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido

José Tomé subliñou que esta actuación é “froito da colaboración da Deputación co Concello de Lugo, un compromiso firme coa Alcaldesa e cos lucenses para mellorar os servizos públicos e, polo tanto, para mellorar a vida da xente favorecendo a mobilidade sostible”

Lara Méndez explicou que “esta é unha obra moi importante para a cidade de Lugo, pero tamén para a provincia, xa que se trata dunha arteria de entrada principal, e queremos que sexa tamén unha vía que facilite a distribución dos vehículos para reducir os percorridos polo centro e o casco histórico, co obxectivo de seguir implementando o noso modelo de cidade verde e sostible”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisaron este martes o inicio das obras para o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, no treito que vai do enlace desta vía coa Ronda Norte á glorieta 25-N. A institución provincial financia e executa os traballos, adxudicados en 1.031.000€, e o Concello impulsou o proxecto e aportou os terreos necesarios para acometer a actuación urbanística. 

“Este proxecto ten un prazo de execución dun ano pero traballaremos para que se poidan facer canto antes e, se é posible, que estean rematadas antes do inicio do próximo verán”, sinalou o Presidente

O mandatario provincial e a Alcaldesa lucense estiveron acompañados pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e polos concelleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández Méndez, e de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira.

José Tomé salientou que este é un proxecto “froito da colaboración da Deputación co Concello de Lugo, un compromiso firme coa Alcaldesa e cos lucenses para mellorar os servizos públicos e, polo tanto, para mellorar a vida da xente favorecendo a mobilidade sostible”. Ademais, lembrou que “este apoio súmase á aportación de medio millón de euros do Plan Único, entre outras colaboracións”.

O mandatario provincial detallou que con esta actuación vaise mellorar “de maneira substancial a seguridade viaria e da accesibilidade de condutores, viandantes e ciclistas”. “Transformarase unha das arterias de comunicación máis importantes de Lugo, cun tráfico diario superior aos 8.400 vehículos, cun índice de 711 vehículos pesados ao día, e moi utilizada polos peóns”, engadiu.  

“A Avenida Infanta Elena é o principal acceso á zona norte da cidade e comunica o centro cos polígonos do Ceao e As Gándaras, e coas saídas da cidade pola A-6 e a N-VI”, incidiu o Presidente no lugar no que se están desenvolvendo os traballos.

Lara Méndez explicou que “esta é unha obra moi importante para a cidade de Lugo, pero tamén para a provincia, xa que se trata dunha arteria de entrada principal á nosa cidade, e queremos que sexa tamén unha vía que facilite a distribución dos vehículos para reducir os percorridos polo centro e o casco histórico, co obxectivo de seguir implementando o noso modelo de cidade verde e sostible”.

A rexedora subliñou que “esta actuación, ademais de mellorar os accesos, vai axudar a desconxestionar de tráfico arterias importantes da cidade como pode ser a Avenida da Coruña e, por outra banda, o desdobramento da Duquesa de Lugo poñerá en valor a súa contorna, o futuro barrio multiecolóxico que estará situado nesta zona, e as actuacións que estamos a facer dentro do LIFE Lugo + Biodinámico, tamén en colaboración coa Deputación, como o propio edificio Impulso Verde”.

"Hoxe podemos anunciar que se inician as obras deste proxecto, despois dun arduo e complexo proxecto de expropiación, pero  o importante é que había un compromiso claro e decidido por parte de ambas administracións, como o hai de seguir traballando para abordar unha segunda fase de mellora da vía e, en breve, estaremos en disposición de poder facer algún anuncio neste sentido", engadiu.


Enlace Ronda Norte – Paulo Fabio Máximo
No tramo que vai do enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte ata a Avenida Paulo Fabio Máximo pasarase dunha vía de 11 metros de ancho, cun único carril por cada sentido de circulación, sen beirarrúas e sen alumeado, a unha estrada de 30 metros de ancho. Na marxe dereita terá dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado con dobre liña e separador físico con elementos de plástico reciclado. Na marxe esquerda terá tres carrís de circulación, en sentido centro da cidade. Crearanse beirarrúas a ambas marxes de 4,05 metros cada unha, que contarán con arboredo, bancos e papeleiras, e unha mediana de 1,40 metros con céspede e arboredo. Dotarase tamén de alumeado.

Rotonda Paulo Fabio Máximo
Coas obras previstas, pasarase da actual intersección regulada por semáforos a unha rotonda, para favorecer a seguridade e fluidez do tráfico. Na marxe dereita –en sentido O Ceao- darase continuidade ao tránsito peonil e de bicicletas, urbanizando a sección completa ata o paso de peóns e de ciclistas, e conectando coa calzada existente. Na marxe esquerda, darase continuidade tamén ao itinerario peonil coa adaptación do paso de peóns existente.

Glorieta Paulo Fabio Máximo – Glorieta 25N
Esta parte da vía está completamente urbanizada e conta con 30 metros de ancho, as mesmas dimensións cas que terá despois das obras o tramo que vai dende o enlace coa Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo. Polo tanto, o obxectivo do proxecto neste caso é darlle continuidade ao trazado e circulación de peóns, bicicletas e vehículos, redistribuíndo o espazo das calzadas para que quede igual que o treito Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo. Deste xeito, pasarase dos actuais dous carrís por cada sentido a establecer na marxe dereita dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado. Na marxe esquerda haberá tres carrís de circulación, sentido centro da cidade. As beirarrúas quedarán como están, con 2,40 metros de ancho cada unha, ao igual que a medianeira, que seguirá tendo 5 metros de ancho, pero acondicionarase con árbores.

En canto á iluminación, será de baixo consumo, cun total de 144 puntos Led. Colocaranse no tramo sen iluminar actualmente (Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo) e substituiranse as actuais luminarias na parte restante (Paulo Fabio Máximo-glorieta 25N).

Carril bici
O trazado do carril bici contemplado permite conectar coa parcela na que se está construíndo o edificio Impulso Verde, o primeiro público de Galicia construído con madeira galega, un proxecto enmarcado no plan Life Lugo+Biodinámico, que impulsa o Concello de Lugo con fondos europeos e coa colaboración da Deputación de Lugo.

Ademais das actuacións urbanísticas, o proxecto inclúe os servizos de saneamento e abastecemento: a dotación no tramo Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo e o reforzo das canalizacións existentes no de Paulo Fabio Máximo-Glorieta 25N.