Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural organiza unhas xornadas orientadas á creación de proxectos produtivos no rural en Navia de Suarna do 17 ao 19 de setembro

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
DESENVOLVEMENTO RURAL
SILVOPASTOREO
SOCIEDADE GALEGA DE PASTOS E FORRAXES
CASA QUINDÓS
ÓLIVER LAXE
Casa Quindós acollerá os relatorios e as mesas redondas nas que se exporán diferentes iniciativas públicas e privadas de desenvolvemento rural

O encontro coincidirá coa reunión anual da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que afondará nas potencialidades do sector cabrún na zona dos Ancares

Do 17 ao 19 de setembro, celebraranse en Vilela, en Navia de Suarna, as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural “O que non arde”, organizadas pola área de  Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

O encontro, que se retoma tras ser aprazado o pasado mes de xullo pola incidencia da Covid 19, incluirá relatorios e mesas redondas orientadas a prestar apoio e transferir coñecemento a persoas interesadas en desenvolver iniciativas produtivas no rural. Así, ao longo das tres xornadas, exporanse proxectos empresariais e profesionais asentados no rural; iniciativas comunitarias como o da Comunidade de Montes de Baroña (Porto do Son), que fai unha aposta clara polo aproveitamento multifuncional do monte, ou a do CDR O Viso de Lodoselo (Sarreaus), que incide no ámbito educativo e social, así como proxectos de desenvolvemento rural promovidos por concellos como o da Veiga e Allariz.

Tamén serán obxecto de análise e debate as políticas públicas orientadas á incorporación ao campo e ao relevo xeneracional agrario ou a xestión dos fondos europeos de desenvolvemento rural, a partir das achegas de persoas expertas de distintos niveis da administración, da universidade e de entidades como a Fundación Juana de Vega.

As xornadas, organizadas coa colaboración da Asociación Ser e da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, celebraranse en Casa Quindós, unha antiga casa de labranza, rehabilitada  polo cineasta Óliver Laxe en Vilela, en Navia de Suarna,  co obxectivo de acoller actividades culturais e accións de desenvolvemento rural.

A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, sinalou “o interese das xornadas para as persoas que teñan interese en emprender proxectos no rural, que poderán contrastar as súas iniciativas con outras consolidadas e escoitar a opinión de persoas expertas e coñecedoras dos recursos públicos aos que poden optar”.

A responsable provincial sinalou que “nos Ancares e, en xeral, nas comarcas da montaña lucense están a xurdir nos últimos anos varias iniciativas que amosan e reivindican o gran potencial do rural, e que poden servir de modelo para o desenvolvemento de novos proxectos”.

Nese senso, agradeceu á Asociación Ser e a Óliver Laxe, que ven respaldando coa súa relevancia pública distintas iniciativas desenvolvidas desde a área de Medio Rural vinculadas á prevención de incendios e ao aproveitamento do rural, a posibilidade de desenvolver o encontro en Casa Quindós.

Ademais dos relatorios e mesas redondas, o programa inclúe unha demostración de maquinaria para traballos de desbroce en altura, unha visita ao Castro do Teso da Ermida e un concerto de Davide Salvado e Fransy González.

Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

Paralelamente ás xornadas “O que non arde”, desenvolverase a VI Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, centrada no desenvolvemento do sector cabrún nos Ancares.

As persoas asistentes poderán obter información e asesoramento sobre a creación e o manexo de zonas de pasto con cabras ou as necesidades específicas destas gandeirías, entre outros aspectos vinculados á comercialización dos produtos e á convivencia coa fauna salvaxe.

A reunión atenderá así a un sector que, segundo explican desde a SGPF, “está minguando fortemente, cun descenso do censo galego entre o 15% e o 20% no último ano, cando pola contra temos unha necesidade acuciante de gando no monte, tanto nos Ancares como noutras zonas de montaña”.

A inscrición ppara participar tanto nas xornadas "O que non arde" como nas actividades programadas pola SGPF poden tramitarse a través dos formularios dispoñibles nesta ligazón. O aforo está limitado a 50 persoas,  atendendo ás normas de prevención fronte á Covid-19.