Deputación de Lugo

A Deputación adxudica en 250.000€ as obras para a mellora viaria e a creación da zona de estacionamento do Parque Central de Galicia

Antas de Ulla
parque central de Galicia
A empresa ten un prazo de execución de 6 meses dende o inicio dos traballos, que consisten en ampliar un tramo da estrada LU-P-0301 ata os 6 metros, dotándoa de 2 carrís de circulación, e en acondicionar un aparcamento para todo tipo de vehículos

Adxudicado tamén na Xunta de Goberno o contrato do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, que se desenvolverá de setembro a decembro ofertando 1.242 prazas nesta primeira tempada

Aprobado o contrato de patrocinio de La Vuelta ciclista a España por importe de 60.000€, unha achega coa que a Deputación segue promocionando a provincia a nivel nacional e internacional

A institución investirá máis de 200.000€ en acondicionar un novo tramo de catro quilómetros da LU-P-2901, a estrada provincial que une os concellos de Lugo e Palas de Rei

A institución provincial saca a contratación a prestación do servizo de limpeza dos diferentes edificios e dependencias da Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación por un importe de preto de 250.000€ das obras para a mellora da seguridade viaria e a creación da zona de estacionamento do Parque Central de Galicia que a institución provincial creará no concello de Antas de Ulla. Así o informou a  voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen explicou que a empresa adxudicataria é Construcciones Leonardo Miguelez SL, que contará cun prazo de execución das obras de 6 meses unha vez iniciados os traballos.

García Porto lembrou que o proxecto acometerase entre os puntos quilométricos 3,490 e 3,700 da LU-P- 0301, de Antas a Rodeiro, e consistirá na adecuación do acceso e do entorno para o tráfico rodado a través de dúas actuacións. 

“Por unha banda, a ampliación da calzada ata os 6 metros co fin de dotala de dous carrís de circulación separados e facilitar o acceso”, destacou a Deputada, que engadiu que, ademais de botar aglomerado neste treito, acondicionaranse itinerarios independentes do tráfico rodado cunha barreira de separación de árbores e instalarase sinalización horizontal e vertical e iluminación, que mellorarán a seguridade viaria.

Tamén está prevista a creación dunha zona de estacionamento, “habilitando prazas con capacidade para que aparquen coches, autobuses, motos e bicicletas, incluíndo prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida”, apuntou Pilar García Porto.

Estas obras súmanse aos traballos que xa se están realizando na zona na que se situará o futuro parque infantil e a plantación de especies autóctonas, como carballos e castaños. Tamén se inclúen as tarefas de silvicultura, que consisten na entresaca de árbores débiles e da poda das árbores que van permanecer, co obxectivo de que se conformen as copas e permitan a entrada de luz e un mellor desenvolvemento da vida natural das especies”.

Lembrou a responsable provincial que a Deputación de Lugo adquiriu un conxunto de parcelas na contorna na que se sitúa o centro xeográfico de Galicia, en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, para crear o Parque Central de Galicia, que contará con máis de 45.000 m2 de extensión.

Coñece a túa provincia

A Xunta de Goberno tamén adxudicou o contrato para o desenvolvemento do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia a Nautalia Viaxes SL por un importe de 300.000€.

Tal e como subliñou a Deputada de Turismo, este programa “é unha das medidas que puxemos en marcha dentro do Plan de Impulso da Economía da Provincia co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade entre os veciños e veciñas, o que cremos que contribuirá de maneira moi importante á recuperación sostible deste sector, pero tamén da hostalería e do comercio local fronte ao impacto da pandemia, grazas ao seu efecto multiplicador”.

García Porto lembrou que o Coñece a túa provincia está dirixido a entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia, e consiste en viaxes gratuítas en pequenos grupos, dunha xornada de duración, por distintos puntos da  xeografía lucense, seguindo diversas rutas. Nesta primeira tempada ofrece un máximo de 1.242 prazas. As viaxes arrancarán a  segunda quincena de setembro e prolongaranse ata decembro. Durante todo ese tempo, serán en días laborables, agás festivos.

O programa Coñece a túa Provincia terá continuidade no tempo e a idea é facelo en diferentes períodos, con posibilidade de prorrogar o contrato ata decembro do 2023.

Apoio a La Vuelta

A Xunta de Goberno tamén adxudicou o contrato de patrocinio a través do que a Deputación de Lugo colabora coa organización de La Vuelta ciclista a España cunha achega económica de 60.000€.

García Porto lembrou que a Etapa 19 discorrerá o día 3 de setembro por 12 concellos lucenses. Arrancará en Tapia, para entrar en Lugo por Negueira de Muñiz e atravesar a provincia de norte a sur ata acabar en Monforte de Lemos.

Esta colaboración económica da Deputación con La Vuelta “supón un investimento en proxección internacional e en promoción turística dun valor excepcional”, xa que “esta cita é seguida por un público de máis de 400 millóns de persoas nuns 190 países. Os 60.000 euros que aporta a Deputación xeran así un grao de exposición mundial imposible de alcanzar doutro modo”, recalcou a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo.

García Porto sinalou que, ademais do retorno a medio prazo, “a organización dunha proba complexa como esta mobiliza a unhas 3.000 persoas, o que contribúe, de xeito directo, a reactivar a actividade en sectores tan castigados pola crise como a hostalería, o turismo ou o comercio local”.

Rehabilitación da estrada provincial de Lugo a Palas 

En relación coa rede provincial de estradas, a Xunta de Goberno tamén aprobou a licitación das  obras para a rehabilitación dun novo tramo do firme da LU-P-2901, que une o concello de Lugo, pola parroquia do Burgo, con Palas de Rei. A Deputación de Lugo destina a esta actuación un investimento de máis de 200.000€. As actuacións consistirán na mellora dun tramo de preto de 4 quilómetros que discorre por Palas, dende o punto quilométrico 21,37 ao 25, e que complementan o traballo que se fixo recentemente noutros tramos desta estrada.  

“Estas obras son moi importantes porque é unha estrada que vertebra o Camiño Primitivo ao seu paso polo concello de Palas e polo tanto ten moito tránsito, non só de veciños e veciñas, tamén de peregrinos, visitantes e turistas”, apuntou Pilar García Porto. 

Servizo de limpeza dos edificios da Deputación

A Xunta de Goberno tamén aprobou na sesión deste venres a licitación do contrato para a prestación do servizo de limpeza dos distintos edificios e dependencias da Deputación de Lugo. O contrato terá unha duración dun ano, prorrogable ata un máximo de catro, e o importe anual ascende a 1,23M€. 

García Porto lembrou que a institución provincial resolveu o contrato coa anterior adxudicataria por incumprir obrigas contractuais esenciais, momento dende o que a empresa pública Tragsa veu prestando este servizo de maneira provisional, en tanto se tramita o novo procedemento de contratación.

Outras dotacións

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do subministro dunha mini pala cargadora de rodas con cazo e varredoras para o Parque Móbil. Resultou adxudicatario Pedro Bardanca García por un importe de 62.000€. Trátase dunha máquina que se utiliza para limpar as estradas antes de acometer unha rehabilitación do firme.

Tamén se aprobou a adxudicación do lote 3 dos servizos de control sanitario, leiteiro e mantemento do robot de muxido e dos seus equipos accesorios na granxa Gayoso Castro. Este lote é o que atinxe ao mantemento do control de muxido e os seus accesorios. Resultou adxudicataria a empresa Mantenimientos Técnicos Lucenses SL por importe de 33.498€.