Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación amplía o prazo para solicitar os Bonos Impulso ata o 15 de xullo

bonos impulso
A institución provincial está a repartir 17.000 descontos nominativos de 30€, para compras dun mínimo de 60€. Os beneficiarios terán de prazo para utilizalos dende que o reciban ata o vindeiro 31 de agosto

Preto de 6.500 veciños e veciñas da provincia xa solicitaron, a través da páxina web da Deputación, da sede electrónica ou nas oficinas de Rexistro, os seus descontos para gastar nos establecementos adheridos do seu concello

Os bonos entréganse por orde de inscrición e poderán utilizarse para todo tipo de actividade comercial, hostaleira e de servizos, agás á compra de bebidas alcohólicas, tabaco e lotarías

A Deputación de Lugo ampliou o prazo, ata o 15 de xullo, para que a veciñanza da provincia poida solicitar os Bonos Impulso. A institución provincial está a repartir 17.000 descontos nominativos de 30€, para compras dun mínimo de 60€, que poden gastarse en calquera comercio, negocio de hostalería e servizos dende a súa recepción e ata o 31 de agosto deste ano. Con esta medida, que forma parte do Plan Impulso da Economía da Provincia da Deputación, mobilizarase máis de 1,5M€ nos sectores máis afectados pola crise sanitaria grazas ao seu efecto multiplicador.
 
Preto de 6.500 veciños e veciñas da provincia xa solicitaron -a través da páxina web da Deputación de Lugo, da sede electrónica ou mediante o procedemento habitual, presentando a documentación nas oficinas de Rexistro- os seus descontos para gastar nos establecementos adheridos do seu concello, unha medida que naceu co propósito de xerar actividade económica nos 67 municipios que conforman a provincia de Lugo. 
 
A Deputación fai un reparto equitativo dos bonos seguindo criterios obxectivos, como a poboación, o número de persoas en situación de desemprego e o número de empresas dadas de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). En base a iso, a Deputación establece un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes. Cada beneficiario deberá  usar o seu Bono nos establecementos adheridos ao concello no que reside, agás que non haxa ningún inscrito.
 
Os bonos poderanse gastar en todo tipo de actividade comercial, hostaleira e de servizos, agás á compra de bebidas alcohólicas, tabaco e lotarías. Asignaranse por orde de presentación de solicitudes, respectando o número mínimo e máximo establecido de bonos por concello, e fixando nesta primeira fase de asignación un máximo dun bono por persoa. Os beneficiarios recibirán na súa casa, a través de correo postal, o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono será nominativo, é dicir, levara o nome e apelidos de cada persoa, o que permitirá identificalo no momento da compra. De non esgotarse todos os bonos nesta segunda fase de solicitude que se abre agora, a Deputación de Lugo realizará sorteos entre aqueles cidadáns interesados en participar no programa.
 
Na páxina web da Deputación hai habilitado un espazo específico e visual onde os interesados poden encontrar información útil sobre a campaña. Así mesmo a institución provincial ten habilitado o teléfono 982.260.204 e o enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org para calquera dúbida que poida xurdir. 

Efecto multiplicador

A Deputación destina 510.000€ para os Bonos Impulso, unha inxección económica en termos de consumo porque segundo os estudos económicos dos técnicos o impacto económico de cada euro investido multiplicarase por tres.