Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Entran a vivir os primeiros usuarios e usuarias da residencia da Deputación en Pedrafita do Cebreiro

Promoción Económica e Social
Residencias
centro de maiores
Ingreso primeiros residentes Pedrafita
Os 13 residentes tiveron acceso estes días ás instalación para coñecelas e tomar así contacto co persoal antes de entrar a vivir no Centro de Atención a Maiores

Este centro cumpre “unha reivindicación histórica” do Concello e da veciñanza e “marcará un antes e un despois neste municipio pola súa función social, ao garantir o arraigo e o benestar dos maiores, e pola súa función económica”

A posta en marcha desta dotación social, con 30 prazas residenciais e 20 do centro de día, súmase ás de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada e Castroverde, e crea 25 empregos directos na zona

Esta semana entran a vivir 13 usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores da Deputación en Pedrafita do Cebreiro, os primeiros deste novo centro provincial. Durante a última semana estivéronse facendo preingresos, un proceso no que os futuros residentes coñecen as instalacións e toman contacto co persoal antes de quedarse a residir de maneira definitiva. Agora, os ingresos faranse de xeito progresivo ata completar as prazas, en función das circunstancias de cada usuario. 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, inauguraron este centro que leva o nome de Manuel Villasol. O mandatario provincial sinalou que a posta en marcha desta dotación social “cumpre cunha reivindicación histórica do Concello e dos veciños e veciñas de Pedrafita do Cebreiro. Abrindo esta residencia ofrecemos unha dotación de calidade ás persoas maiores, moi esperada e demandada, que marcará un antes e un despois na vida deste concello porque cumprirá dúas funcións moi importantes, unha social e outra económica”.

O novo centro, que conta con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día, está situado no centro da vila de Pedrafita do Cebreiro, concretamente, na Praza de España, a carón da casa consistorial, e conta cunha superficie útil de 1.731 metros cadrados divididos en tres plantas. No soto están atópanse os servizos de lavandería, caldeiras ou os vestiarios dos traballadores. Na planta baixa, estarán os espazos comúns, como a sala de rehabilitación, a enfermería, o salón de actos ou a sala polivalente. Na planta media, sitúase a cociña e o comedor, así como varias habitacións. Na terceira, atópanse o resto de habitacións e baños.

En canto á función económica, José Tomé explicou que o centro de maiores “crea 25 postos de traballo directos, aos que hai que sumar os indirectos e o efecto multiplicador da súa actividade. Por exemplo, na cociña utilizaranse produtos de proximidade para favorecer unha alimentación de calidade e, ó mesmo tempo, axudar á economía local”.

Modelo de residencias

O modelo da Deputación de Lugo, levado a cabo en cooperación cos concellos nos que se asentan os centros, dá prioridade no acceso ás prazas á veciñanza do municipio, logo aos dos concellos limítrofes ou da comarca, e despois o proceso ábrese para lucenses en xeral. Ademais, o ente provincial garante que todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poden acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagan en función da súa capacidade económica.

Coa apertura deste centro en Pedrafita do Cebreiro, amplíase a rede de protección social da Deputación, que xa ten en funcionamento as residencias de Pol, Trabada, Castroverde, A Fonsagrada e Ribadeo, que esta semana celebra o seu segundo aniversario. Nos vindeiros meses a institución provincial prevé a apertura dos centros de Meira e Navia de Suarna.