Deputación de Lugo
Formación

Dez alumnos e alumnas do Máster de Avogacía da USC realizaron prácticas na Deputación

Máster
Formación
O Presidente recibiunos no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, onde valorou as tarefas que desenvolveron nestes dous meses nos que completaron a súa formación na administración local e desexoulles éxito no seu futuro profesional

José Tomé subliñou a importancia que ten a Asesoría Xurídica da institución para os concellos da provincia porque lles permite “atender en tempo e forma os seus procesos coa garantía de contar cun servizo de primeiro nivel, aforrando gastos en recursos e persoal”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este martes no Salón de Actos xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, aos dez alumnos e alumnas do Máster de Avogacía organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Colexio Oficial de Avogados de Lugo que realizaron o período de prácticas na institución provincial. 

No acto tamén participaron o decano do Colexio Oficial de Avogados de Lugo, Félix Mondelo, o director do Máster, Antonio López-Acuña, e o director de Asesoría Xurídica da Deputación de Lugo, Valentín Lago. 

José Tomé valorou as tarefas que desenvolveron ao longo destes dous meses -maio e xuño- nos que estiveron completando a súa formación na Asesoría Xurídica da Deputación. “Hai que ter presente que neste departamento non só se atende a cuestións relacionadas coa institución provincial, senón que tamén dá servizo aos concellos da provincia de Lugo, moitos deles de pequeno tamaño e con poucos recursos para asumir pola súa conta os procesos xurídicos”, asegurou. Así mesmo, incidiu en que “a Asesoría Xurídica supón, polo tanto, a garantía de contar cun servizo de primeiro nivel, e un aforro de gastos de persoal, e tamén, o aforro derivado de poder atender en tempo e forma este tipo de procesos”. 

Ao longo destes dous meses os alumnos e alumnas realizaron un total de 75 horas de prácticas. Realizaron diferentes tarefas e cumpriron os obxectivos de coñecer o funcionamento da Asesoría Xurídica, estudar expedientes, acudir xunto cos letrados aos Xulgados, elaborar informes e asistir a actuacións administrativas tanto escritas como orais, entre outras. 

O mandatario provincial desexoulles as mellores das sortes no seu futuro profesional. “Estou seguro de que todos ides acadar moi bos resultados e tede sempre presente que unha sociedade plenamente democrática, libre e xusta só é posible co correcto exercicio do Dereito”.