Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación e o Concello Meira dan un paso máis para a apertura do Centro de Maiores

Deputación de Lugo
centros de atención a maiores
CAM Meira
Sinatura CAM Meira
O Presidente e o Alcalde asinaron o convenio específico de colaboración para a xestión pública da residencia, cun investimento de máis de 850.000 euros en tres anualidades

A institución provincial ten licitado o equipamento deste centro por preto de 300.000€, entre os que hai melloras como a ampliación no ancho das camas dos 90 a 105cm e a instalación de mobiliario exterior

Tomé Roca subliñou que “cumprimos cos compromisos en materia de residencias e demostramos, con feitos, que o modelo de xestión pública, de proximidade e de calidade asistencial é o sistema que funciona”

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Meira, Antonio de Dios, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello, que suporá un investimento de 850.000 euros en tres anualidades, para a posta en marcha do Centro de Atención a Maiores (CAM) neste municipio. Deste xeito, rematan os trámites entre ambas administracións para a posta en marcha do funcionamento desta residencia e poder abrila de cara ao verán.

O CAM de Meira contará con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 se fose preciso, e 20 de centro de día. Os vindeiros días abrirase un calendario administrativo para a solicitude de praza e que as persoas interesadas poidan presentar as súas instancias de solicitude.

Tomé Roca recordou que “ao igual que nos restantes centros de xestión provincial, no acceso ás prazas terán preferencia os veciños e veciñas deste municipio; en segundo termo, persoas dos concellos limítrofes ou da comarca; e logo os veciños do resto da provincia, o que permite que as persoas maiores manteñan o arraigo, permanecendo no lugar ou na comarca na que viviron toda a vida”.

Así mesmo, a institución provincial ten licitado o equipamento deste centro por preto de 300.000€. Entre as melloras, os residentes contarán con camas de 105cm, fronte aos 90cm habituais noutros centros, e a incorporación de mobiliario exterior. O mandatario provincial destacou que “seguimos dando pasos importantes para cumprir cos compromisos desta Deputación cos concellos e coa veciñanza da provincia en materia de residencias e demostramos, con feitos, que o modelo de xestión pública, de proximidade e de calidade asistencial é o sistema que funciona”.

O Presidente tamén lembrou que “no que levamos de mandato, abrimos as residencias da Fonsagrada e Castroverde, rematamos a instalación do equipamento da de Pedrafita do Cebreiro, que agardamos abrir nos vindeiros meses; e aprobouse tamén o convenio marco da de Navia de Suarna”.