O Presidente recibe á Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu no Pazo de San Marcos á vicepresidenta da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Rebeca Acebrón, e ao secretario xeral do colectivo, Enrique Mallón, para trasladarlles a vontade da institución provincial para colaborar de cara a captación de fondos europeos de recuperación.
Tomé Roca interesouse pola situación que atravesa o sector debido ao impacto derivado da Covid-19, que supuxo caídas na facturación do sector do 12% e o 2% no emprego, segundo indicou o colectivo, quen augura neste ano recuperar os postos de traballo e a actividade, chegando á consolidación no 2022 e 2023.
O mandatario provincial resalta a importancia deste sector na provincia e transmitiulles a vontade da institución por seguir traballando de maneira estreita para a súa recuperación económica.
Pola súa banda, dende Asime trasladaron que a industria “pode ser, sen ningunha dúbida, a actividade tractora na recuperación económica e para iso debemos atraer empresas e investimentos en condicións atractivas, poñendo en valor o saber facer das nosas empresas que contan con décadas de experiencias, gran capacidade de diversificación e forte prestixio internacional”.