Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Mónica Freire subliñou o papel esencial do sector primario ante a pandemia nun encontro con asociacións agrogandeiras en Láncara

medio rural
Mónica Freire
ASOPORCEL
OVICA
PURAGA
BOAGA
GANDEIRÍA EXTENSIVA
PANDEMIA

A deputada de Medio Rural sinalou a gandería extensiva como un elemento clave no desenvolvemento económico e na fixación de poboación no rural

Na xuntanza participaron representantes de Asoporcel, Boaga, Ovica e Puraga, que recibiron achegas para paliar o impacto da crise sanitaria no sector

A área de Medio Rural, do Mar e Mocidade reuniu as asociacións agrogandeiras máis importantes da provincia: ASOPORCEL –  Asociación de criadores de raza porco celta; BOAGA – Federación de Razas Autóctonas de Galicia,  OVICA – Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia e PURAGA – Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega, nun acto organizado no  Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (Muvicla) no concello de Láncara, no que se fixo balance das iniciativas emprendidas conxuntamente durante o último ano para paliar o impacto da crise sanitaria no sector.

    No encontro, a deputada Mónica Freire agradeceu ás asociacións beneficiarias destas achegas excepcionais “o seu compromiso inequívoco co agro e co proxecto vital das persoas que queren vivir no rural. Son gandeiras e gandeiros orgullosas da súa orixe, da súa tradición e do seu traballo, que apostan por producións de calidade e modelos extensivos que fomentan o desenvolvemento económico e social e contribúen a frear a hemorraxia demográfica de moitas zonas do interior e de montaña, que doutro xeito quedarían abandonadas. A pandemia puxo en evidencia as grandes debilidades do sistema e veu amosar a urxencia de reformular a política agraria seguindo estas orientacións”.

    “Trátase dun sector que tamén sufriu e está a sufrir o impacto da crise sanitaria, social e económica desatada pola Covid 19, que reduciu as vendas á restauración e suspendeu feiras e eventos moi importantes para a promoción dos produtos, como é o caso da feira agrogandeira  ExpoLugo “A Rural” que se celebra durante o San Froilán. Atendendo a este contexto e ás demandas que nos foron trasladando ao longo do último ano, desde a área de Medio Rural optamos por reasignar o orzamento destinado a este evento e priorizar o investimento en accións e gastos orientados á comercialización e á promoción e posta en valor dos seus produtos, a través de axudas excepcionais”, explicou a deputada nacionalista.

    No último ano,  Medio Rural asinou convenios de colaboración coas entidades representadas no encontro. Así, a área dirixida por Mónica Freire colaborou con Ovica no impulso da marca “Pastores de Galicia” e cunha campaña de Puraga para dar a coñecer a carne e embutidos de poldro de Pura Raza Galega. Tamén apoiou mediante a renovación da web “O Sabor dos Ancares” da Cooperativa A Carqueixa e a promoción dos seus produtos, recentemente galardonada co premio Aresa, onde os consumidores poden mercar, directamente, sen intermediarios, os produtos cárnicos dos case 200 cooperativistas que a integran.

    No caso de Asoporcel e Boaga, as achegas destináronse ao financiamento de certificacións e procedementos que garanten a trazabilidade dos produtos que se comercializan coas marcas de calidade destas razas autóctonas.

    Ademais, Medio Rural tramitou as axudas ás granxas de vacún de carne de Raza Rubia Galega, vinculadas ao convenio de colaboración subscrito entre a Deputación de Lugo e Acruga para a promoción e potenciación de reprodutoras inscritas no rexistro do libro xenealóxico da raza rubia galega nas granxas de vacún de carne, destinadas a titulares de explotacións gandeiras, coa finalidade de fomentar a inscrición de reprodutoras no Rexistro Definitivo da raza bovina Rubia Galega.

    En total, a área de Medio Rural xestionou axudas directas ao sector agrogandeiro da provincia de Lugo por un importe de máis de 400.000 euros.

Muvicla ampliou a súa exposición cunha achega de Medio Rural

    O acto celebrouse no Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (Muvicla), ubicado na Casa de Vázquez, na parroquia de Trasliste en Láncara, que conta con diferentes mostras de maquinaría agrícola de época reunidas polo seu promotor, Marcos Vázquez Marey.

    O proxecto museolóxico, integrado nunha casa de labranza en activo, tamén recibiu o apoio da área de  Medio Rural a través dunha achega destinada a creación dunha exposición temporal onde se expoñen diversos exemplares de marcas de automóbiles de luxo - Aston Martin (David Brown), Lamborghini, Mercedes ou Porsche, que comezaron a súa traxectoria sendo pioneiros na fabricación de maquinaria agrícola