Deputación de Lugo

A Deputación someterá a un cribado ao 50% do seu persoal á volta da Semana Santa

Covid-19
cribado
Adopta esta medida no marco dos protocolos propios do servizo provincial de Prevención para seguir extremando a prevención contra a Covid-19 e protexer a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras tras o período de vacacións

A Deputación de Lugo someterá a un cribado ao 50% do persoal á volta de Semana Santa, unha medida que adopta no marco dos protocolos propios do servizo provincial de Prevención para seguir extremando a prevención contra a Covid-19 e protexer a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras tras o período de vacacións. As probas realizaranse durante a semana do 5 ao 9 de abril nos corredores do Salón de Plenos, que serán adaptados para que se efectúe o cribado coas máximas garantías sanitarias.

O cribado farase co obxectivo da detección precoz do virus mediante test rápidos de antíxenos con mostra de saliva e, no caso de resultar positivo, confirmarase cunha PCR. O persoal será citado previamente dende o servizo de Prevención, facéndose unha selección e repartindo equitativamente a porcentaxe de participación. Este tipo de cribado permite ter o resultado o mesmo día no que se realiza a proba, só uns minutos despois da recollida da mostra.

A realización das probas súmase ás medidas preventivas que a Deputación vén adoptando ante a Covid-19 dende o inicio da pandemia, adaptadas a cada momento da evolución da crise sanitaria. Nas dependencias provinciais seguiranse extremando as medidas xerais de prevención, coa ventilación das oficinas, gardando a distancia de seguridade e mantendo o uso obrigatorio de máscara en todo momento.