Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente supervisa en Negueira as melloras nos accesos de Pieiga, Negueira de Ouviaño e Bustarvelle

Negueira de Muñiz
Rede provincial de estradas
plan único
O Presidente visita Negueira de Muñiz
As obras acometéronse con fondos do Plan Único, a través do que a Deputación de Lugo destina a este concello da Montaña máis de 192.000€

José Tomé subliña que coa mellora das comunicacións “contribuímos a frear o despoboamento e favorecemos a promoción do territorio ligada ao turismo de natureza e de calidade”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou no concello de Negueira de Muñiz as melloras nos accesos ao núcleo de Pieiga e nos pobos de Negueira de Ouviaño e Bustarvelle acometidas cos fondos do Plan Único, a través do que o organismo provincial destina a este concello da Montaña máis de 192.000€. O mandatario provincial estivo acompañado polo alcalde de Negueira, José Manuel Braña, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, ademais de polo Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, e polo rexedor da Fonsagrada, Carlos López.

“Mellorando as comunicacións da provincia contribuímos a frear o despoboamento e favorecemos a promoción do territorio ligado ao turismo; esta é unha actuación pequena, pero supón unha mellora moi importante para o día a día da veciñanza e dos visitantes”, explicou o Presidente durante a visita a este espazo de alto valor ambiental, que forma parte da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e declarada Rede Natura 2000,que está situada ao pé do embalse de Grandas de Salime.

O camiño arranxado da servizo á veciñanza de Pieiga, onde viven case unha decenade persoas. É a única vía de acceso ás casas e a unha pequena capela do lugar. O Presidente resaltou a importancia destas melloras, que van en paralelo co traballo de reactivación da economía da provincia fronte á crise sanitaria provocada pola Covid-19 e que dotan unha zona dunha infraestrutura que nos meses de verán duplica o número de usuarios. 

 

Máis de 192.000€ en Negueira

A Deputación, a través do Plan Único, achegou 192.395 euros a Negueira de Muñiz no ano 2020, dos que máis de 93.464 foron para diferentes obras, entre elas, a mellora da estrada de Negueira a Seira, o acondicionamento do camiño de Ernes, a mellora da pavimentación da vía en Barcela e a mellora do abastecemento de auga no Foxo. Ademais, achega 18.000 euros para a construción dun almacén e oficina na nave municipal. Ata 48.000 euros foron para a creación de postos de traballo e máis de 19.314 para o coidado dos maiores co Servizo de Axuda no Fogar. O Concello dispuxo de 3.000 euros para medidas sociais e económicas co fin de combater a Covid-19, unha nova liña que o Goberno da Deputación incluíu no Plan Único para axudar aos concellos a facer fronte aos efectos da crise sanitaria. No apartado de vías, a Deputación tamén rehabilitou máis quilómetro da LU-P-3602 de Ouviaño a Ponte de Boadil por un importe de máis de 51.500 euros.