Deputación de Lugo
Turismo

Máis de 400 persoas desfrutaron das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra da Deputación na ponte de San Xosé

catamaráns
rutas fluviais
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo resalta os datos como “moi positivos, tendo en conta as restricións sanitarias. Agardamos que siga esta tendencia ao longo da temporada”

García Porto adianta que xa se rexistraron máis de 700 reservas para o resto do ano, a maioría delas para a Semana Santa e prognostica un cambio de tendencia no público “que fai plans a curto prazo e decide con menos antelación que facer no tempo de lecer”

Este atractivo turístico provincial contribúe a dinamizar a economía axudando á hostalería, ao turismo e ao comercio local nun momento crítico para estes negocios polas restricións sanitarias

As rutas polo Canón do Sil e Cabo do Mundo funcionarán ata finais de ano, sempre adaptándose e cumprindo coas medidas de prevención do coronavirus que vaian adoptando as autoridades sanitarias en cada momento

Máis de 400 persoas realizaron na ponte de San Xosé algunha das dúas rutas fluviais en catamarán que ofrece a Deputación de Lugo polos leitos dos ríos Miño e Sil, o que supón practicamente o dobre do previsto segundo as reservas que había formalizadas a finais da semana pasada. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou deste datos, que cualificou como “moi positivos, tendo en conta as restricións sanitarias que están vixentes. Agardamos que poida seguir esta tendencia durante toda a temporada”. 

García Porto tamén adianta que xa se recibiron máis de 700 reservas para toda a  temporada, que se prolongará ata o mes de decembro. “A maior parte das reservas son para a Semana Santa. Estamos percibindo un cambio de comportamento no público, que agora fai plans a curto prazo e decide con menos antelación que facer no seu tempo de lecer”, concreta a Deputada. 

A temporada arrancou o pasado venres, día de San Xosé, cun acto de inauguración no que participou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o Alcalde de Sober e presidente do Consorcio da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián; a Alcaldesa de Castrocaldelas, Sara Inés Vega Núñez; o Alcalde de Teixeira, Miguel Antonio Cid Álvarez; a Tenente Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e o Concelleiro monfortino de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.


Temporada máis longa
Este ano a temporada botou a andar antes que en anualidades anteriores, que sempre cadraban coa Semana Santa. “Nesta ocasión decidimos arrancar antes, aproveitando esta ponte festiva, porque os catamaráns son unha oferta especialmente importante nesta situación de pandemia para axudar a recuperarse aos sectores económicos máis afectados polas restricións sanitarias, como son o turismo, a hostalería e o comercio local”, subliña a Deputada.

García Porto resalta que os catamaráns “contribúen de maneira directa a dinamizar a economía da Ribeira Sacra, en tanto que xeran un efecto multiplicador en termos de pernoitas e de consumo. Polo tanto, axudan á hostalería, ó turismo e ó comercio cando máis o necesitan, debido a grave crise que viven estes sectores polas restricións sanitarias”.

Ademais, engade, as rutas fluviais favorecen a proxección da Ribeira Sacra “no ano no que esta paisaxe cultural única está chamada a ser declarada Patrimonio da Humanidade, e “son unha boa maneira de promocionar o noso territorio a través do turismo, sobre todo neste momento marcado pola pandemia. O visitante busca alternativas ó aire libre, en plena natureza e seguras, como a que ofrece este servizo da Deputación de Lugo”.

Rutas, reservas e horarios
Ata finais de ano, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo xa poden acceder á web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.
 
O servizo de catamarán funcionará adaptándose ás medidas establecidas polas autoridades sanitarias en cada momento e seguindo protocolos propios da institución provincial no marco da súa actuación para extremar a prevención e a contención da Covid-19. Ao igual que a temporada pasada, o aforo das embarcacións está reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros non se produzan concentracións de persoas. Mantéñense os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 72 viaxeiros. Será obrigatorio o uso de máscara durante toda a viaxe e realizaranse servizos de desinfección para previr o contaxio pola Covid-19. 

Horarios
Dende o vindeiro sábado, 27 de marzo, ata o 30 de marzo, haberá horarios de mañá e tarde. Nos próximos meses de abril e maio as rutas serán de mércores a domingo e, con motivo do Día das Letras Galegas, tamén haberá viaxes o luns 17 de maio. En xuño, xullo, agosto, e ata o 12 de setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 12 de setembro e ata a Ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día.