Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Rematadas as obras do parque infantil de Trabada, financiadas pola área de Mocidade

mocidade
PARQUES INFANTÍS
Trabada
Mónica Freire

A área de Mocidade comunicou o remate das obras de renovación do parque infantil de Trabada, realizadas nos últimos meses en virtude dun convenio de colaboración entre a área dirixida por Mónica Freire e o Concello.

Os traballos levados a cabo nas últimas semanas permitiron renovar por completo esta dotación pública para o uso de crianzas e familias do concello mariñao. As actuacións incluíron a sustitución do pavimento por unha superficie de caucho e a instalación de diversos xogos para nenos de ata nove anos.

Ademais, a intervención permitiu mellorar a seguridade do recinto xa que se pechou o espazo cun valado que protexe os menores dos vehículos que acceden ao aparcadoiro próximo.

A deputada  Mónica Freire sinalou que “co remate das obras, cumprimos o compromiso adquirido na sinatura do convenio de ter listas as instalacións de cara a primavera, cando se dan as mellores condicións para que os nenos desfruten do xogo ao aire libre polo tempo e polas horas de luz”.

A deputada nacionalista incidiu en que “desde a área de Mocidade concebimos estes espazos de ocio ao aire libre como un dereito da cidadanía, e especialmente das nenos e nenos,  que precisan espazos de calidade e seguros para o xogo e a convivencia con iguais, máis aínda nesta situación de pandemia que nos tocou vivir”.

Mocidade destinou 16.200 euros á renovación do parque, realizada pola empresa pública Tragsa, na súa condición de medio propio da Deputación de Lugo.