Cultura
Deputación de Lugo

Os colexios de Portomarín e Palas de Rei acollen o luns 8 de marzo dous obradoiros de ilustración, da man da Vicepresidencia

ILUSTRARNÓS
vicepresidencia
Maite Ferreiro
POLO CORREO DO VENTO
ILUSTRACIÓN
As actividades, incluídas no programa ilustrarNÓS, chegarán nos vindeiros días a colexios e institutos de Meira, Burela, Monforte, Folgoso do Courel, Guitiriz e Lugo

O programa IlustrarNÓS da Vicepresidencia da Deputación de Lugo leva o luns 8 de marzo dous obradoiros sobre ilustración aos colexios de Portomarín e Palas de Rei.

Da man do colectivo Polo Correo do Vento, o alumnado dos centros poderá familiarizarse co proceso creativo cunha actividade baseada na biografía de Maruja Mallo, na que se mestura a narración oral coa ilustración en directo. A posta en escena culminará cun obradoiro de debuxo no que alumnas e alumnos realizarán unha caricatura da pintora viveirense e universal.

As actividades , que se realizarán ás 9.00 no CEIP Virxe da Luz de Portomarín e ás 12.30 horas no CEIP de Palas de Rei, forma parte da programación IlustraNÓS que se puxo en marcha o pasado 30 de xaneiro e que achegará aos colexios e institutos da provincia unha vintena de obradoiros e charlas nas vindeiras semanas.

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro agradeceu “a boa acollida dos centros educativos ás actividades que se ofreceron desde a área de Cultura. Valoramos moito a colaboración por parte do profesorado, máis neste momento no que sabemos que están a facer un sobreesforzo  para afrontar os cambios e as dificultades que trouxo a pandemia”.

Próximas datas

Polo Correo do Vento estarán o luns 15 de marzo nos CEIP Anexa e CEIP Rosalía de Castro, de Lugo; e o luns 22 de marzo no CEIP Lagostelle de Guitiriz e no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel.

Doutra banda, a ilustradora e debuxante de cómic Bea Lema falará sobre “O proceso creativo na ilustración" no IES Monte Castelo de Burela o 15 de marzo; no IES Pedregal de Irimia de Meira  o 22 de marzo; e no IES A Pinguela de Monforte de Lemos o 7 de abril. Ademais, o xoves 18 de marzo dirixirá un obradoiro na Escola de Artes Ramón Falcón de Lugo.

En marcha, o certame ilustrarNos

Os centros educativos están tamén convidados a participar no certame ilustrarNÓS. As alumnas e alumnos que desexen participar deberán realizar unha ilustración tomando como referencia unha das citas de Alfonso Daniel R. Castelao indicadas nas bases do certame en función de cada etapa educativa.

Para 5º e 6º de Educación Primaria, proponse a cita  “-Que comerá o rei? -Comerá... comerá... zucre"; no caso de  1º e 2º de ESO, proponse realizar o exercicio creativo arredor da frase  “Vale máis unha terra con árbores nos montes ca un Estado con ouro nos bancos”; para 3º e 4º de ESO, o punto de partida é a coñecida “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Para Bacharelato e ciclos formativos,  elixiuse como premisa creativa “O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos”

O prazo para participar manterase aberto ata o  23 de abril, coincidindo co Día do Libro.