Deputación de Lugo

O Presidente subliña nas xornadas de AFRICOR que a Granxa Experimental de Leite provincial está ao servizo dos gandeiros

Deputación de Lugo
O Presidente subliña nas xornadas de AFRICOR que a Granxa Experimental de Leite provincial está ao servizo dos gandeiros
José Tomé Roca participou na inauguración do foro telemático, co que colabora a Deputación, “unha cita importante para o sector lácteo porque aporta novos coñecementos e ferramentas para mellorar as explotacións gandeiras da nosa provincia, para que sexan máis rendibles e sostibles”

O mandatario provincial anunciou que, en canto sexa posible pola situación sanitaria, a institución organizará xornadas de portas abertas e visitas para que os gandeiros poidan coñecer de primeira man o traballo que desenvolve a unidade de leite da Granxa Gayoso Castro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes na apertura das xornadas técnicas de AFRICOR, que nesta ocasión se celebran de maneira telemática, un encontro no que, ao igual que fixo na inauguración da Granxa Experimental de Leite da institución provincial, puxo este centro de formación e investigación universitarias pioneiro en Galicia a disposición dos gandeiros e gandeiras da provincia.

José Tomé anunciou de feito que, en canto sexa posible pola situación sanitaria da Covid-19, a Deputación organizará xornadas de portas abertas e visitas á Granxa Experimental de Leite para que os profesionais poidan coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve nesta dotación pública. “Ese é o verdadeiro sentido desta Unidade de Leite: estar ao servizo dos gandeiros e gandeiras”.

O Presidente lembrou na apertura das xornadas técnicas de AFRICOR que a Granxa Experimental de Leite cubre unha parte importante das prácticas do alumnado da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo, e ao mesmo tempo neste centro analízanse todos os parámetros e os problemas das explotacións de leite para, logo, ofrecer solucións e pautas de mellora. “O obxectivo é mellorar as explotacións gandeiras, aumentar o valor do produto, favorecer o benestar animal, reducir os custes de produción, e, polo tanto, facer máis competitivas e máis sostibles as explotacións. Unha filosofía e uns obxectivos que compartimos con AFRICOR con estas Xornadas Técnicas sobre o sector lácteo”, explicou José Tomé. 

O mandatario provincial recoñeceu o traballo de AFRICOR, máis en tempos de pandemia, para sacar adiante este foro, que conta cunha achega económica de 5.000 euros da Deputación de Lugo. “Esta cita é importante para o sector porque aporta novos coñecementos e ferramentas para mellorar as explotacións gandeiras da nosa provincia, para que sexan máis rendibles e sostibles”. 

O Presidente destacou que o compromiso da institución co sector primario tradúcese en dous feitos. Por un lado, nos propios Orzamentos provinciais 2021, nos que subiron as partidas para o sector agrogandeiro, forestal e do mar nun 13% con respecto ao ano pasado, ata os 2,3M€. Por outro, no impulso da Granxa Gayoso Castro, “como motor para o sector primario da provincia e de Galicia, a través da formación, a innovación e a investigación”.

AFRICOR

AFRICOR Lugo (Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos) é un colectivo sen ánimo de lucro que vén realizando dende o ano 1992 o control leiteiro oficial na provincia de Lugo. Na actualidade, compóñena máis de 1.300 socios, aos que a entidade lles presta servizo a través de 51 empregados.