Deputación de Lugo

O Presidente expresou o apoio da Deputación á creación da Fundación Agroalimentaria Galega e a Escola de Carniceiros

CEL
sector primario
José Tomé Roca mantivo un encontro con Jaime López, secretario xeral da CEL, e Carlos Cebrián, presidente da Fundación Agroalimentaria Galega, sobre a nova iniciativa impulsada pola agrupación empresarial lucense

A entidade naceu cuns obxectivos “que están en sintonía cunha das liñas de actuación prioritarias da Deputación de Lugo, como é o apoio aos sectores produtivos, nomeadamente ao sector primario como motor da economía da provincia e fundamental para fixar poboación no rural”, subliñou o Presidente

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo este martes na Sala de Xuntas un encontro co secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, e co presidente da recén creada Fundación Agroalimentaria Galega, Carlos Cebrián, unha xuntanza na que o mandatario provincial expresou o seu apoio e o da institución provincial a esta nova entidade posta en marcha baixo ao amparo da CEL, e que incorpora tamén a Escola de Carniceiros de Galicia, con sede en Castro de Rei.

José Tomé salientou que a Fundación Agroalimentaria Galega naceu cuns obxectivos “que están en sintonía cunha das liñas de actuación prioritarias da Deputación de Lugo, como é o apoio aos sectores produtivos, nomeadamente ao sector primario como motor da economía da nosa provincia e fundamental para fixar poboación no rural, con accións que contribúan á diversificación da produción, xerar valor engadido e contribuír á viabilidade e rendibilidade do tecido empresarial”.

Este compromiso da institución, subliñou o Presidente, queda plasmado na subida dun 13% nos Orzamentos deste ano das partidas destinadas á actividade agrogandeira, forestal e do mar; no Plan de Impulso da Economía da Provincia, que, dotado con 7M€, contempla accións de apoio directo, promoción e incentivo do consumo nos sectores económicos máis afectados pola pandemia; no impulso da Granxa Gayoso Castro como referente e motor do sector a nivel provincial e galego, e na colaboración directa que mantén a Deputación con todo o tecido produtivo a través das asociacións profesionais. De feito, a Deputación de Lugo apoia economicamente á CEL para o seu funcionamento e actividades. 

Fundación Agroalimentaria para Galicia 
A Fundación Agroalimentaria Galega e a Escola de Carniceiros agrupan diferentes organizacións empresarias, empresarios individuais, entidades mercantís empresariais e distintas entidades da Comunidade Autónoma Galega co obxecto de fomentar e promover o sector agroalimentario galego co seguinte desenvolvemento e potenciación do medio rural en Galicia. A entidade busca que as empresas do sector poidan rematar ciclos produtivos en Galicia e incrementar o valor do PIB comunitario. 

De forma paralela nace en Castro de Rei a Escola de Carniceiros de Galicia. Trátase dun centro formativo especializado que xa ten preparadas as instalacións para impartir cursos do sector cárnico. Entre os seus obxectivos está a formación de persoal especializado  e a inserción laboral dos alumnos formados.