Cortada polo arranxo dun afundimento na calzada a LU-P-6306 na parroquia do Pereiro, en Alfoz
A previsión é que esta semana se volva a abrir ao tráfico, sempre que as condicións meteorolóxicas faciliten as actuacións que xa se están desenvolvendo no lugar
Os servizos de Xestión Territorial da Deputación de Lugo traballan no arranxo da estrada LU-P-6306, en Alfoz, na parroquia do Pereiro, tras producirse onte un afundimento na beira da calzada á altura do quilómetro 2. As intensas chuvias das últimas horas puideron causar este incidente segundo as primeiras avaliacións técnicas.
A institución provincial mantén cortada esta estrada, que une Alfoz na súa parte máis montañosa coa parroquia do Cadramón, no Valadouro. Os operativos sinalizaron o lugar e comezarán coa reposición da drenaxe da estrada para despois renovar o firme neste punto.
A previsión é que esta semana se poida restablecer de novo ao tráfico, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables e faciliten o correcto desenvolvemento das actuacións. O obxectivo é garantir a seguridade dos usuarios e usuarias desta vía provincial e causarlles o menor prexuízo posible.