Deputación de Lugo

O cribado realizado pola Deputación aos traballadores e traballadoras non detecta novos casos positivos de Covid-19

Covid-19
cribado
Imaxe deputación de lugo

A Deputación de Lugo, dentro da súa política de máxima transparencia, informa de que rematou o cribado que realizou con recursos propios aos traballadores e traballadoras públicos da institución tras os positivos do Deputado de Promoción Económica e Social e da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo. O resultado obtido é o seguinte:

  • Das 80 probas de diagnose da Covid-19 realizadas SÓ UNHA DEU POSITIVO. Trátase dun traballador do Servizo de Novas Tecnoloxías, un resultado positivo do que xa informou a Deputación o pasado sábado, 16 de xaneiro, ao detectarse na primeira fase do cribado. O resto de persoas deron NEGATIVO.

 

  • O traballador do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) que estaba pendente do resultado despois de estar en contacto cun positivo tamén DEU NEGATIVO. 

A Deputación de Lugo vén adoptando dende o inicio da pandemia todas as medidas preventivas necesarias ante a Covid-19, adaptadas a cada momento da evolución da crise sanitaria, incluso con maior intensidade e rigor que as establecidas polas autoridades sanitarias, co fin de preservar a seguridade e a saúde dos seus empregados e empregadas, así como da cidadanía á que presta atención e servizos públicos, mantendo ao mesmo tempo o funcionamento da institución.

Deste xeito, e ante o repunte de casos por Covid-19, o Presidente, José Tomé Roca, decidiu reforzar as medidas de prevención e protección que xa tiña en vigor, de novo adiantándose aos protocolos marcados polas autoridades sanitarias. Así, decidiu ampliar ao conxunto da plantilla o traballo non presencial, en todos os casos nos que esta modalidade é posible, para reducir ao mínimo imprescindible a presenza de traballadores e traballadoras nas dependencias provinciais ata o día 31 de xaneiro. Con este mesmo obxectivo, canceláronse os actos públicos no Pazo de San Marcos e pecháronse as dependencias provinciais ao público. Ademais, celebraranse vía telemática durante este período as reunións de todos os órganos colexiados, como a Xunta de Goberno, as comisións informativas previas ao Pleno e a sesión plenaria ordinaria deste mes.