Deputación de Lugo

A Deputación apoia o servizo de orientación laboral de FADEMGA, un colectivo que atende a 790 persoas na provincia

FADEMGA
discapacidade
Emprego
convenios
O Presidente, José Tomé, considera o labor da entidade “fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e nós temos o compromiso de axudar ao tecido asociativo da nosa provincia a favorecer a igualdade de oportunidades”

A Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento dá cobertura a 40 entidades entidades da provincia nas que traballan máis de 160 profesionais para case 790 usuarios

A Deputación de Lugo apoia un ano máis o funcionamento do servizo de orientación laboral da Federación Galega de Asociacións a Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual e o Desenvolvemento (FADEMGA) cunha achega de 2.500 euros. A colaboración, froito dun convenio asinado entre o Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, e a entidade, dá cobertura a 40 entidades da provincia nas que traballan máis de 160 profesionais para case 790 usuarios.

O Presidente subliña que “o labor de FADEMGA é fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade da nosa provincia e nós temos o compromiso de axudar ao tecido asociativo que traballa pola integración social e laboral e pola igualdade de oportunidades”.

O Centro Colaborador do Servizo Público de Emprego promovido por FADEMGA traballa potenciando o desenvolvemento, a toma de decisións autónomas e facilitando recursos a estas persoas co obxectivo de mellorar e axudar nunha busca activa de emprego que redunde na consecución dun posto de traballo. O centro leva a cabo accións de información, orientación, asesoramento e apoio individualizado ao longo de todo o ano en coordinación con familiares, empregadores e entidades.

Poden ser beneficiarios deste servizo aqueles que teñan certificada unha discapacidade intelectual ou de desenvolvemento, aqueles que sexan maiores de 16 anos e residan nalgún concello da provincia de Lugo e que estean inscritos como demandantes no Servizo Público de Emprego.

 

*FOTOGRAFÍA DE ARQUIVO