Deputación de Lugo

Fronte común das deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra para esixir a Feijóo maior apoio á hostalería e comercio “tras nove meses de esforzo do mundo local sen ter recursos nin competencias”

DEPUTACIÓNS
A CORUÑA
Lugo
PONTEVEDRA
As tres deputacións reclaman ao presidente galego que elimine ou bonifique, tal e como pide o sector, os canons de lixo, auga e electricidade e o tramo autonómico do IRPF

Denuncian a falta de liderado e a deslealdade institucional de Feijóo, que nunca deu resposta ás reiteradas peticións das deputacións para traballar e planificar axudas de forma conxunta

As deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra acordaron este venres esixir ao Presidente da Xunta de Galicia un maior apoio aos sectores máis afectados polos efectos da pandemia da Covid-19, coma a hostalería e o comercio local, tras case un ano no que as administracións locais levan facendo un esforzo importante neste eido, a pesar de carecer de recursos e competencias.

Nunha videoconferencia na que participaron os presidentes e a presidenta das tres institucións provinciais, José Tomé Roca, Valentín González Formoso e Carmela Silva, os mandatarios provinciais subliñaron que todas as deputacións e a maioría de concellos puxeron xa en marcha liñas de axudas para apoiar ao sectores produtivos máis afectados pola pandemia.

A pesar de tratarse dunha competencia autonómica, o mundo municipal demostrou unha vez máis ser o máis cercano á cidadanía dando unha resposta moito antes que a Xunta de Galicia, que chega un ano tarde.

Cómpre lembrar que estas axudas municipais e provinciais a sectores coma a hostalería ou o pequeno comercio fixéronse con recurso propios, sen o apoio económico da Xunta, a pesar de tratrase dunha competencia autonómica e de que a Xunta de Galicia recibiu máis de 200 millóns de euros do Goberno de España para poñer en marcha programas destas características.  

As deputacións de Lugo, Coruña e Pontevedra esixen, ademais, que a Xunta incremente o seu apoio a sectores como o da hostalería ou o pequeno comercio implantando bonificacións fiscais nos impostos de carácter autónomico que carga a estes sectores, como o canon de tratamento de lixo de Sogama, o canon de augas ou o tramo autonómico do IRPF.  As tres deputación entenden que as entidades locais fixeron un importante esforzo bonificando ou suprimindo temporalmente taxas e impostos, mentres que a Xunta mantén a súa presión fiscal aos sectores máis afectados.  

José Tomé, Valentín González e Carmela Silva coincidiron tamén en subliñar “a falta de repecto e lealdade institucional” da administración autonómica na forma en que se deu a coñecer o fondo de cooperación, sen pactalo previamente coas entidades locais, que xa teñen en marcha os seus propios plans para paliar os efectos económicos da pandemia. A cogobernanza que Feijóo pide ao Goberno de España non a aplica en Galicia.

 Así mesmo, os tres titulares dos gobernos provinciais de Lugo, a Coruña e Pontevedra dirixíronse desde o inicio da pandemia e en reiteradas ocasións ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para solicitarlle que coordine as accións de apoio aos sectores máis afectados pola crise. Unha solicitude que o presidente da Xunta ignorou e que agora pretende impor sen falar sequera coas administracións locais.

As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra entenden que a Xunta debe asumir as súas competencias. Ten recursos para facelo e a colaboración do Goberno de España, que transferiu millóns de euros para apoiar ás autonomías na reactivación social e económica.