Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia colabora no mantemento da piscina climatizada da Pastoriza, que dá servizo aos concellos da contorna

vicepresidencia
PISCINA CLIMATIZADA
PASTORIZA
A área de Deportes achega 180.000 euros para o funcionamento das instalacións deportivas, nas que se ofrecen actividades físicas para todas as idades

Alumnado de centros educativos de Muimenta, Abadín, Riotorto, Meira ou Pol fan uso da piscina, inaugurada en 2019

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 180.000 euros para colaborar nos gastos de funcionamento da piscina climatizada da Pastoriza, unhas instalacións que dan servizo a usuarios e usuarias de todos os concellos da contorna.

A vicepresidenta Maite Ferreiro e a tenente de alcalde pastoricense Elva Carrera asinaron este xoves o convenio de colaboración para o mantemento das instalacións que contan, ademais da piscina climatizada, cunha sala de fitness e un ximnasio totalmente equipado.

Ademais do uso individual das instalacións, o centro, que conta con oito monitores e monitoras, ofrece un amplo abano de actividades, desde cursos de natación para todas as idades e condicións físicas ata sesións de pilates e outras actividades dirixidas na sala de fitness.

Elva Carrera sinalou que o apoio da Vicepresidencia resulta fundamental para manter o funciomento da piscina “que máis aló do uso estritamente deportivo,  é empregada tamén por persoas que fan actividade física como parte de rutinas terapeúticas e de rehabilitación”.

A tenente de alcalde explicou  que “as instalacións contan con usuarios de todos os concellos da contorna.  Ademais das persoas que veñen a título individual, a través dos propios concellos e das asociacións de nais e pais, recibimos alumnado de centros educativos de Muimenta, Abadín, Riotorto, Meira ou Pol”, explicou.

Maite Ferreiro incidiu na repercusión da centro en toda a comarca, “ofrecendo aos veciños e veciñas deses concellos un equipamento que amplía as posibilidades de facer deporte e actividade física a persoas de todas as idades”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo asume máis da metade dos gastos de funcionamento das instalacións a través dunha achega anual que se completa coa aportación do concello e coas cuotas de usuarias e usuarios.

A piscina mantívose pechada durante o confinamento pero reabriu a comezos de agosto tras realizarse un estudo de seguridade e desenvolver un protocolo que minimiza o risco de contaxio da Covid-19 nas instalacións.